A Feanpas, indignada co PP por votar en contra da moción en favor da gratuidade dos libros

A Feanpas, indignada co PP por votar en contra da moción en favor da gratuidade dos libros
ANPA INSTITUTO CONCEPCION ARENAL PRESTAMO LIBROS

A Federación de Anpas de Centros Públicos de Ferrolterra (Feanpas) expresou a través dun comunicado a súa “absoluta decepción e indignación” co goberno ferrolán do Partido Popular por impedir no último pleno, coa súa votación en contra, a aprobación dunha moción para esixir da Xunta de Galicia o retorno da gratuidade universal dos libros de texto e material escolar no ensino obrigatorio.
A proposta da Feanpas, que foi defendida na devandita sesión plenaria polo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, obtivo tamén o respaldo do PSdeG-PSOE e de EU-IU. Ás tres formacións quixo a Federación de Anpas agradecer o seu apoio así como a “coherencia” demostrada ó defender unha proposta “cuxa finalidade no é outra que dar cumprimento ao dereito fundamental á educación en igualdade de condicións para o alumnado galego”, salientan.
En contra, o PP local “dá prioridade aos intereses partidistas fronte aos intereses xerais da poboación á que vai servir”, critican desde o colectivo de pais e nais.
Desde a asociación, entre cuxas finalidades, puntualizan, está a de “incidir ante os poderes públicos na defensa e mellora do ensino público”, din non entender a postura dun goberno muncipal que “recoñece explicitamente que a educación obrigatoria deber ser gratuíta e recoñece tamén que a gratuidade do ensino obrigatorio debe incluir os libros de texto e o material escolar, pero non só non apoia a moción presentada polas familias ás que representamos, senon que impide a súa aprobación votando en contra”, o que impedirá que a moción prospere. Critican tamén os argumentos “demagóxicos” expostos pola concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, na súa defensa do voto contrario á proposta das Anpas, e diríxense ao PP local para dicirlles que deixaron pasar “unha magnífica ocasión para demostrar que, por riba dos intereses partidistas e por riba da disciplina de partido, en democracia están os intereses das familias, das nenas e nenos que vostedes teñen a obriga de protexer e servir”, manifestan.

bancos de libros
Precisamente coa finalidade de intentar reducir os gastos que as familias teñen que facer cada novo curso coa adquisición dos manuais e o material escolar desde que foi eliminado o sistema de gratuidade universal, diferentes Anpas da comarca optaron pola creación de bancos de libros de texto.
É o caso, por exemplo, do que por primeira vez desenvolveuse  este mes no CEIP Cruceiro de Canido por parte da asociación de pais en colaboración co propio centro, aberto a todo o alumnado de 3º a 6º de Primaria que quixeran ceder os libros de texto que xa non empregarán para que poidan ser utilizados polos nenos que o precisen o vindeiro curso. Cálculase que a iniciativa, que tivo un gran éxito, segundo o colectivo, permitirá un aforro global de 10.000 euros.

A Feanpas, indignada co PP por votar en contra da moción en favor da gratuidade dos libros

Te puede interesar