Exposicións, obradoiros e contos na vila de Fene para celebrar os 30 anos do Museo do Humor

Exposicións, obradoiros e contos na vila de Fene para celebrar os 30 anos do Museo do Humor
30 aniversario museo humor fene

Xusto orgullo de Fene, o Museo do Humor leva tres décadas sendo un dos poucos centros adicados en Europa a este tema. Desde a súa creación en 1984 estivo dirixido por Xaquín Marín ata a súa xubilación en 2008, nuns anos en que convocaba os premios Curuxa do Humor nas vertentes gráfica, literaria e fotográfica, organizaba as Xornadas do Humor e editaba a revista “Sapoconcho”. Aínda que todo isto desapareceu, o Concello de Fene quixo pór onte en valor o seu legado de 30 anos cunha ampla xornada con obradoiros, exposicións, edicións e contacontos.
A actividade comezou cun taller de caricatura impartido por David Pintor, do dúo Pinto & Chinto. Ao redor de 30 participantes, de todas as idades, tomaron parte neste taller teórico-práctico no que o artista falou do seu traballo e realizou varias obras. A continuación inaugurouse a exposición “Pola cara”, un acto ao que asistiron representantes do mundo social e cultural fenés e no que interviron o presidente da Deputación, Diego Calvo; o alcalde, Gumersindo Galego; a edil Rocío Bértoa, e o humorista gráfico Siro López. A mostra está producida polo propio Museo do Humor de Fene e nela amosaráse unha importante colección de caricaturas doadas para a ocasión por 53 debuxantes e caricaturistas galegos, españois e internacionais (Abraham Carreiro, Ulisses Araujo, David Lara, Jorge Inacio, Carlos Sardiña, Christian Jacob, Raúl Iglesias, Moisés Ramírez, Gogue, David Pintor, José Luis Castro Lombilla, etc.).
Entre os personaxes caricaturizados salientan actores e actrices como Jack Nicholson ou Laurel & Hardy; deportistas como Neymar, Iniesta ou Michael Schumacher; políticos como Rajoy, Pablo Iglesias e Obama; escritores como Gabriel García Marquez ou José Saramago; pintores como Pablo Picasso ou Frida Khalo; músicos como Mike Jagger ou Freddy Mercury.
A exposición permanecerá na Casa da Cultura de Fene ata o 20 de decembro, de luns a venres de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas e, os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. A partir de aí, iniciará a súa itinerancia por concellos, entidades e colexios que a soliciten.

cartafol
Presentouse tamén o cartafol conmemorativo, cunha primeira tiraxe limitada de 500 exemplares. Inclúe once láminas con debuxos de humoristas gráficos galegos como Siro López, Pepe Carreiro, Xan López Domínguez, Calros Silvar, Santy Gutiérrez, Pinto&Chinto, Andrés Meixide, Xose Lois “Carrabouxo”, Gogue, Nachortas e Manuel Uhía
A intensa xornada tivo como acto final a actuación da popular actriz Isabel Risco dentro do ciclo de monólogos humorísticos feitos, habitualmente, os venres. Risco meteuse no papel de Chelo García Naveira, máis coñecida como “Naviza Girl”, unha superheroína rural galega “con denominación de orixe protexida e con superpoderes do sulfato”.

Exposicións, obradoiros e contos na vila de Fene para celebrar os 30 anos do Museo do Humor

Te puede interesar