“Eu son parcial dun macroconcello que abarcaría os que compoñen a Mancomunidade”

“Eu son parcial dun macroconcello que abarcaría os que compoñen a Mancomunidade”
00000000000000000

Vicente Araguas: Xaime Bello, alcalde que fora de Ferrol, é un amigo de vello. Deses que non soamente non levou o vento do esquezo, senón que proseguen teimosos con vontade, ademais, de vencellar máis amigos con teimosía de raiolas que acaban por xorder cando o ceo se puxera griseiro de máis. Desta volta cadrei con Xaime no Nueva York, con Remi seguindo a entrevista entre curioso e divertido. Con nós un amigo máis que de vello, de vellísimo, o Profesore Dobarro, excitador de anécdotas que acabaron ralentizando a nosa conversa, que desta maneira houbo de se alongar outra mañá. Mellor para o meu padal, tan amador do café do Nueva York.
Xaime Bello: Eu nacín en Narón, decembro de 1950, o que pasa que como tantos cativos dese tempo fun inscrito en Ferrol; así e todo levei e levo moi ben ese compaxinar de orixes. Mesmo no aspecto docente comecei en Narón, na escola de Dona Mercedes Freire, pasei á Academia Labor, de Xuvia-Neda, proseguín no Instituto Concepción Arenal, onde cadrara contigo, para rematar os estudos medios na recén criada Jorge Juan,  de Narón. Así que o meu percorrido académico primeiro percorreu todo este entorno comarcal. E por certo que eu son parcial dun macroconcello que abarcaría os que hoxe compoñen, con algún pequeno retoque ou retranqueo, a Mancomunidade. O que á parte de reducir gastos, melloraría servizos e humanizaría aínda máis o conxunto. Comparto neste senso as teses de Fernández Albalat, o grande arquitecto e humanista. E completando esta idea penso que 314 concellos en Galicia é unha barbaridade.

Fun compañeiro de Xaime Bello no Instituto, 3º e 4º de Bacharelato. Logo as circunstancias levaron a cada un por camiños diversos, aínda que os dous teñamos cadrado nos vieiros docentes. Xaime como profesor últimamente no IES Ferrol Vello, compaxinando este nobre oficio coa adicación á política, que o levaría á alcaldía de Ferrol entre os anos 1999 e 2003.
Aquel instituto no que cadráramos chamárame moito a atención, primeiro polo seu tamaño. Tamén, aínda que ti non o lembres, por ter que formar no patio cada día antes de entrar nel. Logo estaba aquela instrucción relixiosa excesiva, ao menos tal como eu o vexo. Polo demais a educación estaba radicalmente fóra do contexto galego. Aquel sistema, decateime despois, de rapaz estas cousas non se ven nidiamente, facíate sentir –como diría Rosalía de Castro– estranxeiro na túa propia terra. Non, alí non había ninguén que falase galego, senón castrapo no mellor dos casos, e pola banda dos profesores unha actitude senón hostil de ignorar unha realidade. Na miña casa falabáse galego, e aquel contraste, aquela diglosia eu aínda non era quen de analizalo. Iso viría despois.

Aquela situación da que eu tampouco me decataba serviría para encher un anecdotario, nada pavero pola crueldade de algúns momentos, que exemplifico cun condiscípulo que en Matemáticas, incapaz de dicir “camión” senón “cameón” nun problema de “móviles”, era motivo de rexouba para o profesor e, xa que logo, para o resto da clase. Ou aquel outro que levara unha labazada, argumentaba el, “en el queso” (calcando o “queixo”, en español “quijada”), provocando maior troula aínda. Podería falar de casos moito máis crueis, mais isto –como diría Kipling– é outra historia, merecente de outro lugar para ser contada.
O Narón do que eu procedía era daquela o concello grande e moi espallado que foi, en parte, de-saparecendo. O núcleo, claro, estaba en Xuvia, na praza na que tanto temos alternado, os que víñades de Xuvia-Neda, e os que íamos a Xuvia-Narón, onde estaba (e segue a estar) a Jorge Juan. Non, non cadrei con Paco Rodríguez na “Jorge”. Alí os profes eran Bustamente, Honorato, Blanco Rouco, Lage e demais. De alí pasei á Coruña, á Escola de Maxisterio, sendo o meu primeiro destino xa como docente en Oroso-Sigüeiro. Volvendo a Narón, é certo que medrou moito, e non moi ben. Todo ese amoreamento de tixolo nuns espazos concretos naroneses, non, non queda tanto terreo virxe como sostés, non favoreceu nada ese crecemento sostible ao que me referín antes. Ferrol: o que vin de mozo era unha cidade optimista, o “Corazón de navío”, do que ten falado a poeta ferrolá, aínda que nada en Santiago, Xohana Torres. Hoxe, permíteme a metáfora, é un barco en desguace, algo así como ese portaavións, o “Príncipe de Asturias” que aí está agardando mudar en chatarra. Pensa que o índice de paro, o 30%, de Ferrol é unha salvaxada. Como o desmantelamento progresivo ao que se ven sometendo a nosa cidade. Fun alcalde dela catro anos, si, e quedei sobre todo coa mágoa de ter que interromper un labor que, pola miña banda, ficou incompleto. Unha alegría nada pequena, compartida contigo, racinguistas os dous cen por cen, foi o ascenso do Racing a Segunda no ano 2000, con Arteche de adestrador.

E aquí debo falar da absoluta honestidade do Xaime Bello rexidor (do particular, sendo como é amigo meu leal, non teño dúbida ningunha), tampouco do seu talante de vencellar. Unha pequena anécdota, sendo alcalde Xaime, comín con el varias veces, no Rivera, da Rúa Galiano, menú do día sempre e cada un pagando do seu peto. Igual que agora, cando dúas veces ao ano, atendidos por María, xeitosa e parrandeira, temos unha xuntanza neste restorán un grupiño de amigos, coordenados polo Xaime Bello, ese talante do que fai gala, que non lle permite poñer tons acres, persoas ou cousa, na nosa entrevista.
Préstanme moito estas xuntanzas bianuais, nas que se fala de todo agás de política e relixión, si, como nos “txokos”, só que aquí non cociñamos nós. Estou xubilado do ensino, e quero dicir que, á parte do que lles poidera ensinar, aprendín moito dos alumnos. Moito. Tamén de que mesmo o cativo en teoría menos aproveitable pode dar moito xogo, pero que moito. Como este Racing do que somos e seremos seareiros, lástima fora. n

“Eu son parcial dun macroconcello que abarcaría os que compoñen a Mancomunidade”

Te puede interesar