Estudian a conexión existente entre o párkinson e algúns problemas dixestivos

Profesionais da Área participaron no evento vinculado á conmemoración do Día Mundial deixando claro que parece que existe un disbalance das bacterias protectoras e as non protectoras do intestino
Estudian a conexión existente entre o párkinson e algúns problemas dixestivos
Os ponentes e organizadores das xornadas que se desenvolveron no salón de actos do Marcide

O salón de actos do  hospital Arquitecto Marcide acolleu onte unha das sesións que se celebran anualmente no marco do Día Mundial do Parkinson (11 de abril) de man da Asociación Parkinson Ferrol. No transcurso deste encontro con varios relatorios, o neurólogo Ángel Aneiros afirmou que “estase a valorar actualmente a relación entre síntomas dixestivas e Parkinson”.
Aneiros foi un dos relatores do Complexo ferrolá neste encontro, ao que tamén se sumou a neuróloga da Área, Ester Suárez Castro, que abordou o trastorno do sono que “é un dos síntomas non motores máis frecuentes, e que inflúe na calidade de vida do paciente”, subliñou. 


Durante a inauguración desta xornada, estivo presente tamén o xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva; a concelleira de Política Social, Rosa Martínez Beceiro; e o presidente da Asociación Parkinson Ferrol, Óscar González.
Intestino e cerebro


“Non sabemos as causas desta enfermidade”, afirmou o neurólogo Ángel Aneiros, “pero, na xornada de hoxe, incluímos a relación que existe entre o intestino e o cerebro porque hai dúas teorías en relación coa patoxenia da enfermidade, ben que a sintomatoloxía parte do sistema nervioso central; ou ben que as síntomas dixestivas son indicativos previos da mesma, e que aparecen anos antes que síntomas cardinais motoras como son a rixidez, a lentitude ou o desequilibrio”, preciosu.


Entre eses síntomas estarían o estrinximento, as náuseas, a dispepsia ou o exceso de salivación, entre outras. E matiza, “este é un tema que se está a incorporar agora de xeito incipiente, por iso se aborda nesta xornada, para que estean ó día desas novas vías de investigación”, dixo.


Así pois, a microbiota relaciónase con moitas enfermidades, e “coñecese que no Parkinson existe un disbalance entre as bacterias protectoras e as non protectoras na flora intestinal”. Estas últimas bacterias xeran alteracións biolóxicas que poden afectar ó sistema nervioso central vía sanguínea ou a través do nervio vago. Este profesional quixo incidir, sexa ou non a orixe, na abordaxe destas síntomas, xa que si se ten amosado que as persoas con alteracións dixestivas ou estrinximento van peor, entre outras cousas, por unha mala absorción dos propios medicamentos, por pór algún exemplo. Recordoulles aos asistentes algunhas medidas que non por básicas son menos importantes como a de beber moito líquido, a inxestión de fibra e a revisión co profesional das posibles vías, adaptadas a cada caso, para loitar contra este estrinximento.

 

 

Hixiene do sono


Tamén se falou no encontro dunha boa hixiene do sono, coa neuróloga do CHUF, Ester Suárez, Aínda que as síntomas motoras, como o tremor, rixidez e bradicinesia (lentitude de movemento) son as máis coñecidas na enfermidade de Parkinson, as non motoras son frecuentes e inflúen negativamente na calidade de vida dos pacientes. Esta profesional destaca entre elas o trastorno do sono pola súa frecuencia e repercusión. 


Tamén é frecuente o insomnio, tanto de conciliación, dificultade para quedar durmido, como de mantemento, sono fraccionado ou espertar precoz. Adoita ser de orixe multifactorial, podendo influír síntomas motores da propia enfermidade, certos fármacos, ou outros factores como a nicturia, que é a necesidade de se levantar pola noite a ouriñar. Esta profesional destaca que a abordaxe dos trastornos do sono debe ser multidisciplinar, como precisaron.


Pola súa banda, o neurólogo do CHUAC, Diego Santos García, falou sobre novos tratamentos para a enfermidade de Parkinson. Hai dous tipos, os “sintomáticos”, que son os que axudan a mellorar as síntomas da enfermidade, e actúan ao corrixir o déficit dalgún neurotransmisor cerebral, como a dopamina e outros; e aqueles “modificadores do curso da enfermidade”, que pretenden actuar sobre os mecanismos implicados na neurodexeneración e agregación proteica, coa fin de frear, ou polo menos retardar, a progresión da enfermidade, explica. Respecto ós primeiros, comercializáronse algúns recentemente.

 

 

Tratamento


A levodopa inhalada está dispoñible dende o ano pasado en España, e úsase como tratamento inhalado por vía oral para rescatar ó paciente dos episodios OFF, é dicir, os momentos nos que a medicación deixa de facer efecto. Actúa de forma rápida e é ben tolerado, como relatou o facultativo. Proximamente, sairá un tratamento cun efecto semellante, a apomorfina sublingual. “Saíu tamén ó mercado unha nova formulación de levodopa para administrar en pacientes en fase avanzada por vía PEG, que leva entacapona e que permite utilizar menos levodopa e, por iso, usar un cartucho máis pequeno que se adapta a unha bomba de menor tamaño”, engadiu. “Este mesmo ano, temos dispoñible levodopa para administrar por vía subcutánea, en perfusión continua 24 horas, para controlar as fluctuacións e discinesias dos pacientes con Parkinson”.


En relación cos tratamentos modificadores do curso da enfermidade, “hai moitos ensaios en marcha, pero aínda ningún fármaco aprobado. Hai inmunoterapia con vacinas e anticorpos, terapia xénica, celular, e outros moitos”. 


No seu centro hospitalario, explicou, estanse a levar a cabo ensaios en fase dous con moléculas que pretenden evitar a expansión a nivel do cerebro dos agregados proteicos, pero “aínda é pronto para saber se van funcionar”, concluiu. 

 

Estudian a conexión existente entre o párkinson e algúns problemas dixestivos

Te puede interesar