“A estratexia de Ferrol é a dos feitos consumados, facer as cousas e logo xa reclamarán”

“A estratexia de Ferrol é a dos feitos consumados, facer as cousas e logo xa reclamarán”
Alcalde de Naron - Xose Manuel Blanco

O alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco, lamenta a tensión actualmente existente co Concello de Ferrol. A falla de vontade para dialogar é, segundo o rexedor naronés, o detonante das malas relacións entre ambalasdúas corporacións. A situación afecta directamente á práctica totalidade dos servizos que os dous municipios comparten e agravouse hai uns meses, antes de comezar as obras do saneamento integral da ría ferrolá. A resolución deste último conflito pode acabar nos xulgados, unha opción que non descarta o alcalde de Narón.

O concelleiro de Economía de Ferrol, Alejandro Langtry, acusounos no último pleno de intentar enganar á cidadanía co tema da taxa do saneamento. ¿Que lle responde a iso?
Non pode dicir que estamos de-slexitimados por non ser parte interesada e ao mesmo tempo desestimar as nosas alegacións por si acaso. Non se nos entregou o expediente e o que nós queriamos é que desaparecera a palabra “Concellos” desa taxa, que foi o que lles dixemos desde o primeiro día, e se por boa vontade o fixeran nos evitabamos todo isto, pero non foi así.

Ese tema solventouse pero Ferrol mantén a encomenda da xestión da depuradora a Emafesa, desouvindo a petición de Narón de revocar o acordo...
Imos denunciar e conseguir que Emafesa non leve a xestión da depuración, e a partir diso, coincida con eleccións ou non poñeremos a taxa, pero cando saibamos realmente os custos que significa para os veciños, tanto de Ferrol como de Narón.

¿Veranse as caras nos xulgados se non hai acordo?
Nós queremos dialogar, pero sempre con datos sobre a mesa e coa vontade de chegar a acordos. O que non imos permitir é unha cacicada, que é que se entreguen a dedo a Emafesa unhas instalacións que non teñen por donde collerse. Non estaba executada, non é titularidade de Ferrol... Imos seguir loitando e se por desgraza temos que chegar á xustiza é por falta de diálogo e porque non imos permitir que se dé a dedo nada.

Tamén puxo en dúbida Langtry no pleno que vostedes se atreveran a fixar a taxa antes das vindeiras eleccións municipais. ¿Cando a fixarán para os veciños de Narón?
Nós imos esperar a que se cree o órgano de xestión da depuradora para crear a a taxa, porque o primeiro que hai que constituír é o órgano que a vai a xestionar; segundo, sacar a concurso público quen vai levar a xestión e cando saibamos os custes reais, ese será o momento de poñer a taxa, non antes. Agora mesmo poñen unha taxa polos datos que ofertou únicamente unha empresa mixta, Emafesa.

¿Manteñen que o custe do servizo non ten que alcanzar os 35 euros semestrais que cobrará Ferrol?
Esa taxa está inflada con inversións que non teñen que ver... Xa por non falar das alegacións que poden presentar os veciños cando intentan que sen ter servizo, só por ter os tubos por diante, deban pagar, pero ese é un problema dos veciños de Ferrol.

O convenio dos bombeiros remata en febreiro de 2015 e recentemente remitiron unha carta ao Concello de Ferrol advertindo dos incumprimentos detectados no acordo, entre eles inciden na comarcalización do parque da Gándara. ¿Que vai pasar agora?
Ante esta situación nós non lle podemos pagar o 2014. Lle dicimos que había que ter unha reunión da comisión de seguemento donde se levante acta, que non o están facendo, e chegar a un acordo para resolver o pago de 2014. Non é que non queiramos, é que non podemos legalmente pagarlles. Nós no presuposto temos algo máis de 400.000 euros para pagar pero teñen que xustificar. O mesmo prego di que se non se xustifica 2013 non se paga 2014. Estamos impedidos para pagar esa cantidade. Non son bos nin para cobrar.

¿Están decididos entón a crear un grupo de emerxencias propio, como xa advertiran o ano pasado?
Como vemos que non hai alternativas á comarcalización, para o orzamento do ano que vén imos meter unha partida para a contratación temporal de 15 bombeiros para emerxencias e xa temos o regulamento. Tan só sería a posta en marcha.

O servizo de transporte metropolitano é outro dos conflitos que manteñen con Ferrol...
Encontrámonos de casualidade porque os usuarios nolo transmiten, de que hai un movemento, chamamos á Xunta e nos emite un informe que está desde o 4 de xullo presentado por Tranvías de Ferrol, onde di que atendendo ás modificacións solicitadas polo Concello de Ferrol, e fundamentadas no estudo feito, vénse na obriga de solicitar a reestructuración. En base ao consenso con Ferrol... Nós levantamos a lebre de que isto non pode ser porque anulan servizos. Logo eles presentan alegacións a un tema que está consensuado. Aí están tamén Narón e Neda e non din nada, pero a estratexia de Ferrol é a dos feitos consumados, fan as cousas e despois xa reclamarán. Non hai maneira de poder chegar a acordos. Foi grazas á presión de Narón, de Neda e dos veciños de Ferrol como se conseguíu paralizar, polo menos por agora.

Tanto o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, como vostede, proclaman abertamente a súa disposición a dialogar, pero o certo é que ese diálogo a día de hoxe non existe...
En tódalas cartas, incluso na última que enviei dos bombeiros, lle indico que este alcalde vai a onde queira e no momento que queira a falar con el.

¿Pero vostedes non falan nin por teléfono?
Falamos varias veces, personal e telefonicamente. E de tódalas veces, a contestación de José Manuel é sempre a mesma: “Ya te llamaré”. Quédame sentarme na porta del a ver se quere dialogar ou non, porque se eu lle estou dicindo cando falamos e el di que hai vontade de diálogo pero non me chama, ¿que me queda?
Esta mesma semana Rey Varela incidía publicamente en que “hai unha oferta de diálogo permanente con tódolos concellos”...
Gustaríame que mo dixera por teléfono, como cando me chama para outras cousas, e o luns ás nove da mañá estou no Concello de Ferrol ou cando me diga. A este alcalde non o chaman para nada... Cando el me diga eu aparezo na alcaldía.

¿É coa actual corporación da cidade naval coa que están tendo máis problemas?
Por desgraza, si. Excepto o tema da canceira, que saíu mancomunado, o resto todo son problemas. Eu creo que é por falla de dedicación ás relacións co resto dos concellos, tanto dos concelleiros como do alcalde de Ferrol. É sentarse. Non pode haber un tema tan sinxelo como o convenio das bicis que esté pendente nove meses para un informe técnico de Ferrol.

Da posibilidade dunha fusión entre os dous concellos xa nin falamos entón...
Vendo como está tratando Ferrol a Narón, se estiveramos unidos, imaxina o que podería pasar. Parece que o único que lles interesa é que os veciños de Narón paguen os impostos en Ferrol e eles executar. Para pagar, o primeiro que hai que ter é diálogo e estamos vendo que con Ferrol non o hai. n

“A estratexia de Ferrol é a dos feitos consumados, facer as cousas e logo xa reclamarán”

Te puede interesar