A “Escolma Salvaxe” resume seis anos de poesía ética e estética en Ferrol

A “Escolma Salvaxe” resume seis anos de poesía ética e estética en Ferrol
Grupo de Poesia Slavaxe en Cazadores

No sinxelo título “Escolma Salvaxe. Ferrol 2007-2013” resúmese o produto editorial dos primeros seis anos de vida da Semana da Poesía Salvaxe, un evento insólito que desde hai sete anos reúne na cidade a poetas de Galicia, España e Portugal e que, fóra de Ferrol, goza dun espectacular prestixio. Un traballo autoeditado baixo a dirección de Karlotti e Guillermo Ferrández, con portada de Pepe Pose, no que se citan ao longo de 400 páxinas máis de 40 poetas diversos só unidos por participar na cita ferrolá.
A presentación do volume terá lugar o próximo xoves día 11 ás 20.00 horas no Ateneo Ferrolán. O acto contará cos profesores e animadores sociais José Torregrosa e Miguel Castro e non faltarán moitos dos poetas escolmados así como actuacións musicais a cargo de Manolo Bacalhau e Roger de Flor.

Latido testemuñal
“A escolma resume o latido poético do país nestes anos. Queda como testemuño dun feito que uniu a poetas moi diferentes  en Ferrol. Unha poesía como exercicio de compromiso social, que se adiantou a tantas cousas como viñeron despois, pero tamén estético. Aquí hai escritores existencialistas e surrealistas como o gran Carlos Oroza, pero outros clásicos como Chus Pato ou Tomás Segovia”, destaca Guillermo Ferrández. Un dos organizadores da Semana da Poesía Salvaxe que asume algunha sorpresa: “Para min foi unha revelación a poesía das mulleres nestes anos. Olalla Cociña, María do Cebreiro e tantas outras, facendo unha poesía carnal e moi auténtica”.
Pola súa banda, para Karlotti, o esencial é “que Ferrol uniu a todos estes poetas e que de aquí sae esta escolma tan transversal e estilo, idades e procedencias de toda a Península Ibérica. Unha xente que foi tan xenerosa...!”.
O volume venderase a un prezo de 15 euros para organizar a edición de 2015 da Semana da Poesía Salvaxe, xa a oitava. Un evento para o que hai tempo que non contan con ningunha axuda institucional. “Non importa. Entre o 23 e 25 de abril volveremos ás rúas”, anuncian.

A “Escolma Salvaxe” resume seis anos de poesía ética e estética en Ferrol

Te puede interesar