A Escola de Idiomas chega aos seus 25 anos como un centro “activo e aberto á sociedade”

A Escola de Idiomas chega aos seus 25 anos como un centro “activo e aberto á sociedade”
EOI 25 Aniversario

A Escola Oficial de Idiomas de Ferrol está de aniversario. O centro celebrou onte os seus vintecinco anos de vida cun acto que, entre outras cousas, serviu para pór de manifesto o importante crecemento experimentado desde o seu nacemento. Dos 850 alumnos cos que botou a andar pasouse aos 2.700 matriculados na actualidade, situando á escola practicamente ao límite da súa capacidade tanto por espazo como por cadro de persoal.
Un total de 39 docentes traballan día a día por contribuír á mellora das competencias lingüísticas do estudantado nos seis idiomas incluidos na oferta académica –inglés, francés, galego, alemán, italiano e portugués–, o doble das que se impartían cando o centro comezou a súa andaina no edificio da antiga Escola de Artes e Oficios. Alí segue, aínda que nun inmoble que hai uns quince anos foi sometido a unha profunda reforma para a súa modernización.
A execución dos traballos obrigou á EOI a trasladar temporalmente a súa sede –ao final durante catro anos– ao barrio de Caranza. O seu regreso ao centro da cidade e o progresivo aumento do alumnado foi imprimindo o maior dinamismo a unha escola “activa, participativa e aberta a toda á sociedade”. Así a define a actual directora, Mariá José Conde, que aposta por seguir traballando na mesma liña e incluso abrila máis á cidadanía.
Neste percorrido, a EOI ampliou tamén a súa rede formativa coa apertura das denominadas seccións tanto en Cedeira –no 2008/09– e As Pontes –hai tres cursos–, nas que se ofrecen clases de inglés.
A participación en proxectos europeos é outra das bazas dun centro plenamente convencido do enriquecemento educativo,  cultural e lingüístico que supón o poder compartir experiencias e traballos con profesores e alumnos doutros países.
A celebración das tradicionais xornadas culturais, iniciativas como a das andainas, conferencias e charlas, celebracións baseadas en tradicións doutros lugares e moitas outras propostas forman parte curso tras curso da axenda dunha escola na que o inglés segue a ser, con diferencia, a lingua máis demandada.
Séguelle, con practicamente as mesmas cifras de alumnado que o francés, o alemán, unha lingua que nos últimos anos experimentou un importante crecemento como consecuencia das alternativas de emprego que semellaba ofrecer o país veciño.

actos
Onte, a escola ferrolá conmemorou este 25 aniversario coa música de Petit Swing e unha cea na propia cafetería. Ademais, todos os asistentes puideron contemplar as dúas exposicións elaboradas con motivo da efeméride, unha da alumna María Salas e outra confeccionada polo persoal docente e non docente da EOI sobre a presenza do centro na prensa.

A Escola de Idiomas chega aos seus 25 anos como un centro “activo e aberto á sociedade”

Te puede interesar