Enrique Ramil: “O agarimo que recibo véxoo como un premio para ese neno que non se rendiu”

Actúa mañá sábado no Jofre
Enrique Ramil: “O agarimo que recibo véxoo como un premio para ese neno que non se rendiu”
Ramil, o ano pasado no Jofre I Cris Andina

O aresán Enrique Ramil pon mañá sábado no Jofre –20.30 horas– o punto final á xira “Con el corazón en la mano”, coa que acadou un sonoro éxito en México.

 

Con este concerto pecha unha etapa e abre outra. 
A idea deste ano era facer o que levei por México, co engadido de que para min é un fin de festa. Agora vou empezar, tamén en México, co seguinte tour, “La noche de las canciones perpetuas”, temas de toda a vida de compositores de fala hispana. A do Jofre é a única data en 2024 e a única en España, pero por riba de todo é unha celebración, pois estou na casa e veñen os amigos, a familia, moitas persoas ás que quero. É especial tamén porque estarán os músicos cos que eu tocaba e cos que me xuntaba para tocar antes de marchar para Londres ou Madrid, xente que foi facendo carreira, como as miñas coristas, que son as rapazas coas que ía aos concursos de karaoke hai vinte anos. En resumo, é o peche do tour de México e, ademais, é como un deses “Raphael y amigos” que se fan en Nadal...

 

E logo, ao Festival Viña del Mar.
Si, alí estaremos con “La última vez”. Escribina en México con dúas artistas, Paty Cantú e Ángela Dávalos, que teñen feito cancións para Raphael, Ana Torroja ou Luis Fonsi. Son dúas mulleres con moita traxectoria e teño a sorte de que tamén son amigas. Puxémonos con ela coa idea de facer unha canción que levara mensaxe, que non fora unha “trangallada festivaleira” desas que non teñen substancia... Así, comezamos a pensar en cousas que tiveramos en común. Todos pasamos por unha relación un pouco ás agachadas, furtiva, e todos pasamos nalgún momento por algún episodio de discriminación ou de non sentirnos respectados ou valorados polas persoas que queremos. Dímonos de conta de que sendo de contextos e vidas diferentes tiñamos moitísimo máis en común do que nos parecía. E así empezou a cousa. “La última vez” ten un toque de balada épica e estamos felices e supercontentos.

 

Que sensación ten cando sae fóra e recibe o cariño de tanta xente? 
Síntome moi arroupado fóra. Cando marchei para Londres cantaba nas rúas e a xente paraba para escoitarme. Canto un se decata está formando parte da vida da xente, e a verdade é que iso é algo marabilloso. Logo, cando veño ao Jofre ou cando vou á Televisión de Galicia, gózoo moito porque é como unha especie de premio para ese neno que non se rendiu. As oportunidades que había cando eu tiña 15 anos e comezaba a estudar canto non eran as que pode haber agora, pero algo díxome: non pares, non te rindas, e ao final é para min como un premio por non ter desistido. Á hora da verdade o imaxinaba isto. Pensaba que se puidera vivir da música xa sería feliz. Eu cantaba en hoteis en Marbella e ás veces estabas alí e ao público dáballe igual que foras ti ou que houbese mobles, un dj ou que fose o fío musical. E que de súpeto veña xente que che diga que lle gusta o que fas ou que os emocionas, que os fas lembrar bos tempos ou que os alivia escoitarte... Máis alá de que sexa máis ou menos xente, o que conta é poderlles aportar algo bo na vida.

 

A súa voz permítelle abranguer moitos rexistros, pero con cal se sente máis cómodo? 
Cando entrei en Operación Triunfo facía concertos e versións, facía jazz, gospel e soul, que está moi ben porque me gusta moitísimo. Crecín con iso, teño unha banda tributo a Sinatra, coa que gozo moitísimo. Pero ata que cheguei ao punto de facer o que me petase, ata que pasou iso, non chegou o meu momento. Empecei a mesturar as folklóricas co jazz: Rocío Jurado, India Martínez, Rocío Dúrcal... É dicir, coller unha folklórica e que sone como unha diva do jazz. Pode parecer que non casan, pero si, e moi ben, ademais. 

Enrique Ramil: “O agarimo que recibo véxoo como un premio para ese neno que non se rendiu”

Te puede interesar