• Viernes, 18 de Agosto de 2017

Encrucillada, Xabier Díaz, Luar na Lubre, Huntza e Liviao de Marrao, no cartel do Festival Irmandiño

Comeza a conta atrás para unha das citas musicais e de recreación histórica máis agardadas da comarca de Ferrolterra. O XXXVIII Festival Irmandiño de Moeche volverá un ano máis a escena a vindeira fin de semana, do 18 ao 20.

Encrucillada, Xabier Díaz, Luar na Lubre, Huntza e Liviao de Marrao, no cartel do Festival Irmandiño
O día 19 pola tarde, antes dos concertos, terá lugar o asalto infantil ao castelo | v.s.
O día 19 pola tarde, antes dos concertos, terá lugar o asalto infantil ao castelo | v.s.

Comeza a conta atrás para unha das citas musicais e de recreación histórica máis agardadas da comarca de Ferrolterra. O XXXVIII Festival Irmandiño de Moeche volverá un ano máis a escena a vindeira fin de semana, do 18 ao 20.
A primeira xornada dará comezo ás 22.00 horas cunha repichoca popular no campo do festival. Abrirase paso así á xornada central do programa, a do sábado 19, que arrancará xa ás 11.00 horas coa apertura de portas do castelo, con entrada gratuíta, en cuxo interior permanecerá instalada ademais unha exposición de Manuel Canosa (Pena). Ás 13.30 horas haberá unha sesión vermú no campo do festival amenizada por un DJ.
A festa continuará a partir das 16.30 horas co asalto infantil no Castelo de Moeche, ao que a partir das seis da tarde seguirá unha competición de xogos tradicionais.
Achegarase así a programación á sesión de concertos musicais, que darán comezo ás 20.30 horas co grupo Encrucillada, para continuar ás 21.30 horas coa actuación de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
Luar na Lubre tomará o relevo no escenario a partir das 23.00 horas, para ás 00.30 horas procederse á lectura do pregón e ó asalto do castelo. Huntza –ás 1.15 horas– e Liviao de Marrao –2.40– completarán o cartel musical dunha xornada que, a bo seguro, reunirá a milleiros de persoas na zona.
Domingo
Pero a festa non remata aí. O domingo, os que aínda teñan ganas de troula, poderán gozar dunha sesión vermú ao pé da fortaleza amenizada por “Sanjurjo & Dopico”.
Unha comida campestre, a partir das tres da tarde, e as actuacións de Bouba Pandereteiras (16.30) e Encrucillada (17.30) pecharán esta nova edición dun festival que naceu en 1980 como resposta á necesidade de “proxectarnos como pobo con historia propia, como herdeiros duns galegos e galegas que, aló polo século XV, se rebelaron contra o poder establecido, contra unha situación social de opresión, abuso e miseria”.
Precisamente hai uns días, a Casa do Concello de Moeche acolleu a sinatura do convenio de colaboración para a celebración do devandito festival. No acto tomaron parte a presidenta da AC Irmandiños de Moeche, Carla Couce, e o secretario, Alexandre Campos, así como a alcaldesa, Beatriz Bascoy.
O Concello colabora na organización desta cita que, tal e como salienta, “ten como principais valores na súa historia nacer da man da veciñanza e manterse no tempo co traballo de moitas persoas do concello e de fóra, e todo co obxectivo de poñer en valor de forma festiva, a través da nosa música e cultura, un feito histórico, a Revolución Irmandiña, ao seu paso polas terras de Moeche”. 
Co devandito convenio, o goberno local apoia a organización do festival con persoal municipal e cunha axuda económica de 6.000 euros, ademais de xestionar e asumir a contratación da actuación de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, conxuntamente coa Deputación da Coruña, a través da Rede Cultural, tal e como se informou desde o consistorio. l