• Viernes, 17 de Noviembre de 2017

“Este disco é unha reflexión sobre o momento que vivimos”

Tralo gran éxito de vendas e críticas acadado con “Lúas de outubro e agosto”, a compositora cedeiresa Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega e gañadora da edición deste ano dos Premios Martín

“Este disco é unha reflexión sobre o momento que vivimos”
Guadi Galego, nunha das imaxes promocionais do seu novo disco 	carlos abal
Guadi Galego, nunha das imaxes promocionais do seu novo disco carlos abal

Tralo gran éxito de vendas e críticas acadado con “Lúas de outubro e agosto”, a compositora cedeiresa Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena musical galega e gañadora da edición deste ano dos Premios Martín Códax da Música na categoría de canción de autor, saca hoxe á venda o seu terceiro disco en solitario: “O mundo está parado”. Dez temas –6 escritos por ela, 3 por Carlos Abal e 1 por Pachi García, que de novo exerce como produtor musical– dan forma a un traballo que ve a luz nun exclusivo formato de vinilo con cedé incluído e fotografía tamaño 20x30 de Carlos Abal.

Que nos trae neste seu novo traballo?
Traio un disco basicamente un pasiño máis adiante co anterior, “Lúas de outubro e agosto”, pero que segue a mesma liña estética; máis achegado ao pop pero bastante sofisticado, cunha sonoridade máis entre eléctrica e acústica, porque hai cordas e ventos, a maiores da banda base que xa tiña o outro disco. É un disco ademais cheo de colaboracións como a de Rábade, Anxo Pintos, Santi Cribeiro....

Que conta nas dez cancións que dan forma ao disco?
“O mundo está parado” é basicamente unha reflexión sobre o momento no que vivimos a nivel vital, unha reflexión sobre a incoherencia, do difícil que é querer ser coherente no día a día, tanto a nivel individual, como a nivel da comunidade social. É unha reflexión dese mundo que vai demasiado rápido para algunhas cousas e que está parado a nivel humano para outras.

Un dos temas leva por título Cedeira. É unha homenaxe a súa terra?
Cedeira é un pouco ese resumo do que para min é esa importancia da comunidade social e do que vai de dentro a fóra, do individual ao plural e que un non é un se non pertence a unha tribu, a un grupo, con toda a súa diversidade e os seus defectos e virtudes. Entón foi un pouco unha homenaxe á xente do norte, á xente da miña terra, ás cousas que realmente me marcaron da miña terra e das miñas vivencias porque unha non é o que é se non é polo seu pasado e pola forma de percibir a vida que lle transmiten os demais tamén.

Logo do gran éxito acadado co anterior disco, que expectativas ten con este novo traballo?
Despois de “Lúas de outubro e agosto” a xente sempre espera que polo menos deas o mesmo nivel. Eu creo que este é un disco un pouco máis sofisticado co anterior pero que segue a mesma liña. O que pasa é que o formato no que sae é vinilo con cedé incluído, e leva unha foto de agasallo. Só hai mil copias no mercado. E un produto único e exclusivo, pero non por iso elitista, porque sae a un precio de 20 euros.

Por que esta aposta polo vinilo?
Quixemos poñer en valor a parte gráfica e a parte máis nostálxica que era o vinilo. Esteticamente é un vinilo moi bonito, branco, e estamos moi contentos coa parte gráfica, á que quixemos darlle moito peso. E decidimos facer esas mil copias, sendo conscientes que son moitas copias de vinilo, para fidelizar os nosos fans, a xente que cre no noso produto.