Despois de 17 anos a Fundación Artabria renova o seu local e o seu programa de actividades

Despois de 17 anos a Fundación Artabria renova o seu local  e o seu programa  de actividades
obras fundación artabria

Entre as entidade culturais máis constante e menos recoñecidas de Ferrol a Fundación Artabria ocupa un lugar senlleiro. A entidade que preside Mauricio Castro cumpre 17 anos traballando a  prol da cultura galega desde unha perspectiva reintegracionista. 
A asociación nacida en 1998 reinaugura hoxe ás 20.00 horas o local que ocupa no número 7 da Travesa de Batallóns de Esteiro desde hai unha década. Ademais dun lavado de cara ao café-bar, con claras referencias á lingua galega e á cidade de Ferrol, incorpora na sala de actos unha zona infantil. Así mesmo, na segunda quincena de outubro oferta unha serie de cursos que se desenvolverán nunhas mellores condicións físicas. Serán zumba, para adultos e pequenos, ioga, tai-chi, danza tradicional, canto e pendeireta, teatro infantil e adulto, pintura, corte e confección. As persoas interesadas poden pasar polo local, consultar a páxina web ou poñerse en contacto no número 981 352 986 ou no correo electrónico correiodeartabria@gmail.com.

novas iniciativas
Desde a entidade cultural manifestan a súa “enorme ilusión” pola reinauguración do local, “unha iniciativa que se engade á campaña de captación de socios e de potenciar as actividades que facemos semanalmente no local, algo natural desde hai 17 anos”, salientan desde a Fundación Artabria. 
Pero o mes comeza para a entidade cultural cheo de presentacións e actividadaes abertas ao público. Así, mañá ás 21.00 horas o Clube Teatral Elsinor representa a obra “Medea”, con entrada libre. O día 9 de outubro ás 20.30 horas Valentim R. Fagim e Mario Herrero presentarán dúas das novidades de Através Editora: “O galego impossível” e “A normalizaçom lingüística, uma ilusão necessária”.

libros, rock e samaín
O sábado 10, os protagonistas serán os pequenos xa que as 20.00 horas estará en Artabria Chuches Amil, que presentará o seu disco-libro “Un conto ao revés”. O venres 16 ás 20.30 horas darase a coñecer a revista “Ouvea”, unha publicación na defesa da terra e do rural. Posteriormente, o 23 de outubro levarase a cabo unha presentación literaria. Ás 20.30 horas o escritor Séchu Sende trae a súa “República das palavras”. 
O sábado 24 de outubro o rock chega ao remodelado local de Artabria coa actuación do grupo ferrolán de rock Kurwa. O concerto comezará a partir das 22.30 horas e a entrada é libre. Finalmente, este intenso mes de aniversario para a entidade cultural remata o sábado 31 coa celebración do Samaim polo serán e xa pola noite unha cea concerto que rematará coa música de Blues do País.

Despois de 17 anos a Fundación Artabria renova o seu local e o seu programa de actividades

Te puede interesar