Cultura aposta con varias iniciativas polo impulso aos creadores locais

Cultura aposta con varias iniciativas polo impulso aos creadores locais
Torrente Ballester Primera asamblea sectorial de cultura artes escénicas

Máis información, catalogación de artistas e empresas culturais de Ferrol ou a elaboración de proxectos anuais dos que o Concello sería produtor son algunhas das principais conclusións anunciadas onte polo concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, despois das seis asembleas, mantidas co sector na cidade nos últimos días. 
En canto á tradución práctica das mesmas, que continuarán durante o mes de setembro, Basterrechea anunciou que xa está en marcha a creación dunha Escola Municipal das Artes, que podería ter como sede a parte vella do Centro Torrente Ballester.

"máis que en catro anos" 
Un moi motivado edil amosouse satisfeito co resultado xeral das reunións das que asegurou: “o sector cultural na cidade manifestoume que nunha semana xa se fixo máis que nos catro anos anteriores”, para felicitarse pola “abrumadora participación nas reunións nun clima cordial”. Nelas o sector demandou das autoridades locais “información e publicidade das actividades que se fagan, así como o catálogo de xente que traballa na cultura”. A propósito do cal comentou que desde empresas culturais da cidade xa se vai comezar a traballar “entre elas, incluso sen relación co concello xa que hai servizos que unhas ofrecían e outras descoñecían”. 
Basterrechea puxo énfase tamén no traballo de formación, co citado anuncio dunha Escola Municipal das Artes que incluiría artes plásticas, fotografía ou cine, aínda que posiblemente non teatro “que o sector xa entende que está cuberto pola Escola de Narón, concello co que imos colaborar estreitamente”. A pesar das dificultades administrativas, o edil comprometeuse a que antes da fin do seu mandato o centro estará funcionando. Ata entón, o concello manterá as actividades formativas municipais ou con entidades privadas, plásticas, musicais ou escolas de danza, así como os convenios correspondentes con institucións como o Conservatorio. 
O edil incidiu en que aínda que tratará de aumentar a partida orzamentaria para o seu departamento, “hai cousas que non só dependen dos cartos, como a distribución de espazos, etc”. Anunciou a remunicipalización de servizos tan axiña como se poida e puxo como exemplo que na primavera regresará ao ámbito municipal o referido ás exposicións do Torrente Ballester, en relación coa empresa Dardo. “Xa falei cos seus responsables e o entenderon. 

proxectos
A partir da primavera a montaxe e o transporte correrá a cargo do Concello, así como a edición de catálogos”. Respecto de Eulen, a empresa encargada da xestión do Jofre, Torrente ou Auditorio, destacou que vai revisar os contratos á baixa e que a cantidade de case 600.000 euros “non pode cubrir un terzo do noso presuposto”.  Unha das grandes novas foi o anuncio de que o Concello se convertiría en produtor de proxectos artísticos “Moitas propostas chegan hoxe ao concelleiro de forma directa, que decide o que se fai e o que non. Aquí o que se vai facer cada ano é un concurso de ideas para a edición de libros, cine, obras de teatro, etc. Os proxectos serán valorados por un xurado de xente competente, que traballará co único criterio da calidade, e a concellería as sacará adiante”. 
A petición do sector, segundo o concelleiro, o seu departamento tamén apoiará a difusión dos artistas de Ferrol fóra do seu ámbito. “Foi unha proposta para impulsar os traballos e xa temos previstas reunións neste sentido con Narón e A Coruña”, adiantou. O plan de Basterrechea tamén inclúe “o apoio ás produtoras locais que foron abandonadas estes anos” e a búsqueda de novos espazos para achegar a arte á rúa. “Os creadores deben saír á rúa e non pecharse en determinados espazos fóra da realidade. A rúa é o campo de existencia da cultura”. 
A pesar de incidir no traballo local, Basterrechea manifestou a súa intención de continuar programando “actividade de grupos e artistas de fóra, sempre que teñan interese e calidade”. Como síntese do exposto polo edil, este salientou que o sector lle transmitira a necesidade de crear unha estrutura estable de traballo cos artistas e mundo do sector para non depender “dos vaivéns da política”.

Cultura aposta con varias iniciativas polo impulso aos creadores locais

Te puede interesar