“Cos nosos orzamentos verase desde o principio cales son as nosas políticas”

“Cos nosos orzamentos verase desde o principio cales son as nosas políticas”
Eugenia Freire FeC concejala hacienda ferrol

Eugenia Freire, economista do sindicato Comisións Obreiras, compatibilizará o seu traballo coas responsabilidades municipais. Asume a titularidade da área de Economía, na que ten que como concelleiro delegado ó socialista Felipe Sas. Ela encargarase de Facenda, Patrimonio e Emprego, da que dependen, entre outros temas de calado, os orzamentos.

É a que vai dicir que non a tódolos demais concelleiros?
Para nada. Para nada. Imos consensuar os orzamentos, eu non penso pelexarme con ninguén. Temos que cambiar a maneira de facer política e as miñas portas estarán abertas para todo o mundo con consenso, estudiado e cos seus razoamentos.

Pensaba máis ben en que poida que non cheguen os cartos para todo.
Pois haberá que priorizar, claro.

E que se priorizará?
As persoas. Aquí temos moitas necesidades humanas e serán as primeiras que teñamos que atallar.

A partir entón dos primeiros orzamentos verase un cambio?
Claro. Entramos cos orzamentos xa aprobados e aínda que estamos intentando adaptalos ás nosas políticas pois a verdade é que é difícil. En setembro empezaremos a facer os nosos orzamentos e aí si que verán xa desde o primeiro momento as nosas políticas.

Vai dar tempo a que sexan orzamentos participativos?
Eu penso que si. Polo menos ímolo intentar.

Revisaron xa as contas? Levaron algunha sorpresa? Que porcentaxe de execución dos orzamentos se levou adiante en 2015?
Estamos todavía niso, revisando os informes do traspaso de poderes que nos tiñan preparados os funcionarios, vendo os asuntos máis urxentes que hai que sacar adiante. En principio executouse o 44 ou 45 por cen, en xeral. Despois hai partidas que están xa máis consumidas.

Cales foron as primeiras medidas, as máis urxentes?
Todo o que fixo o alcalde ata o de agora porque hoxe xusto [por onte] se publicou o decreto de delegación de competencias e antes non tiñamos firma. Falamos do socorrismo e de empezar a poñer en funcionamento as cousas. Estamos estudando as posibilidades que ten a taxa de saneamento, a remunicipalización do lixo, vendo como xuridicamente se pode facer. Tamén comezamos a auditoría interna...  medidas todas deste tipo.

Prevese algunha rebaixa nas taxas?
De momento non pero si que á taxa de saneamento temos que buscarlle unha saída que encaixe coas leis.

Haberá algún tipo de exención ou deducción?
Xa se tomaron algunhas medidas en Benestar Social con situacións urxentes que había e no que concerne ás miñas concellerías pois desenvolveremos o que levabamos no programa en canto a cláusulas na contratación pública que favorezan ás empresas implantadas aquí. O fomento de emprego é tamén unha maneira de que a xente saia adiante.

E ó contrario? Algunha medida para aumentar a recadación?
Aínda non vimos as necesidades que imos ter pero de momento non imos cargar ós veciños.

Hai posibilidades de ofertar emprego público?
Sabemos que hai situacións irregulares no concello que temos que arranxar, levadas á regularidade. Desde a miña área levarei todo o que ten que ver co emprego desde a formación, a rehabilitación de barrios desde o comezo, dando primeiro ferramentas ós futuros traballadores e que despois sexan esas persoas as que se dediquen a rehabilitar. Tamén traballamos na remunicipalización e na recuperación da cuadrilla municipal. O Centro de Emprego de Catabois paréceme un sitio estupendo onde están facendo un labor moi importante e gustaríame moito potencialo.

Na área de patrimonio municipal entra o barrio de Recimil. Depende o futuro de Recimil de vostede?
Todas as medidas que se tomen neste goberno van ser consensuadas, por suposto. E aínda que si, Recimil entra nas miñas competencias, e tamén vivenda, hai que sentarse a falar.

No programa anunciárase precisamente unha rehabilitación a través da formación previa de traballadores. Iso mantense? Acábase de facer un censo, haberá outro?
Si, o que se anunciara vaise facer. E tamén se fará un novo censo e unha nova regularización.

Cal é a medida máis inmediata, a prioridade do seu departamento?
Os orzamentos son o máis importante, ademais de ver o que hai e facer a auditoría interna. Pero penso que o máis importante é centrarnos xa nos orzamentos do ano que vén, participativos, e empezar a falar xa das políticas que levabamos nos nosos programas.

Hai capacidade desde un concello para transformar a sociedade?
Eu penso que si. Ten que habela, esa é a nosa idea. Eu persoalmente non estaría aquí se non crera isto. Eu era unha das persoas que estaba decepcionada, que non sabía a quen votar ata que encontrei este proxecto e estou nel porque mo creo, que se non non estaba porque a min vaime custar moito sacrificio familiar e persoal estar aquí. Pero paréceme un traballo moi ilusionante e vexo na xente moita esperanza e eu penso que si, que podemos facer algo.

“Cos nosos orzamentos verase desde o principio cales son as nosas políticas”

Te puede interesar