Concepción Arenal, protagonista do 16º Curso de Pensamento Carlos Gurméndez

Concepción Arenal, protagonista do 16º Curso de Pensamento Carlos Gurméndez
garcía hurtado, araceli torres, maría ares, anxo lorenzo, nieves santomé e maría antonia pérez l.p.

O Curso de Pensamento Carlos Gurméndez chega este ano á súa décimo sexta edición cun programa no que Concepción Arenal será a gran protagonista. A figura desta ferrolá, que loitou polos dereitos das mulleres e en contra das inxustizas sociais, servirá de punto de partida para achegarse a cuestións de gran actualidade e, inevitablemente, moi vencelladas ao ámbito do Dereito e a Xudicatura.
O curso desenvolverase entre o 10 e o 12 deste mesmo no salón de actos do campus de Esteiro baixo o título “Concepción Arenal. Paixón pola liberdade e a Xustiza”.
A actividade está organizada polo Club de Prensa de Ferrol, presidido na actualidade por María Ares, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Concello de Ferrol e do Ilustre Colexio de Avogados de Ferrol.
A profesora titular de Documentación da UDC e directora do curso, , María Antonia Pérez Rodríguez, achegou onte algúns dos detalles da xa tradicional cita formativa de verán.
Un curso que nesta ocasión permitirá poñer en valor a figura dunha ferrolá que, ao igual que outras da súa xeneración como Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro, aportaron moito ao desenvolvemento social e cuxas pegadas teñen aínda hoxe plena vixencia.
Malia que no programa hai un claro predominio de profesores e investigadores do ámbito do Dereito, precisamente por estar moi envorcado o traballo de Concepción Arenal co que sucedía dentro dos cárceres, tamén terán espazo investigadores locais que se centrarán nese vínculo da autora coa súa cidade natal.
“Ademais dunha visión teórica da súa achega, tamén se ofrecerá unha visión de Concepción Arenal desde o punto de vista da muller, non só como xurista e reformista, senón tamén como un exemplo desas mulleres que xa no século XIX se adentraban en campos que parecían reservados para os homes”, comentou María Antonia Pérez.

presentación
No decurso da presentación das xornadas, celebrada onte no campus de Ferrol, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, María Ares, salientou a traxectoria desta actividade na honra do filósofo Carlos Gurméndez, mentres que a vicerreitora de Ferrol, Araceli Torres, destacaba ademais o prestixio que en todos estes anos acadou o mesmo.
Tamén estiveron no acto o concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel Reyes García-Hurtado, quen afirmou o importante que a figura de Concepción Arenal é para a cidade e para o seu goberno, así como o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, na que foi a súa primeira intervención institucional no campus local. Lorenzo celebrou a elección do tema feita polo Club de Prensa para a edición deste ano. Pola súa banda, a decana do Colexio de Avogados de Ferrol, Nieves Santomé, agradeceu o ofrecemento do Club de Prensa para poder colaborar no curso.
Ademais das conferencias nas que se abordarán cuestións como as ideas morais e políticas de Concepción Arenal, o pensamento desta na Lei de Violencia de Xénero, a reforma penitenciaria ou o Dereito diante dos problemas de xénero, entre outras, o xoves 11 haberá unha ofrenda floral e musical e o venres proxectarase o filme “A visitadora de cárceres”, coa presenza da produtora Zeza Ceballos e da actriz Mabel Rivera.
Pódese ampliar a información a través da web do Club de Prensa www.clubdeprensadeferrol.com.

Concepción Arenal, protagonista do 16º Curso de Pensamento Carlos Gurméndez

Te puede interesar