O Concello e a Universidade organizan as xornadas baixo o lema “Educando en igualdade”

O campus ferrolán converterase os días 26 e 27 deste mes e o 5 e 6 de marzo no escenario para o debate e a reflexión sobre o tema da educación en igualdade. Este será o eixo vertebrador das Xornadas Municipais de Educación promovidas de xeito conxunto polo Concello de Ferrol e a Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña.
A cita, que tamén conta coa colaboración do Valedor do Pobo, ten carácter gratuíto e permitirá abordar cuestións como poden ser o papel das familias na educación dos rapaces; a relación dos menores coas novas tecnoloxías, o acoso escolar ou bullying ou a prevención da violencia de xénero no eido do ensino. Para falar destes temas contarase coa partipación de expertos como o director da revista Cuadernos de Pedagogía, Jaume Carbonell; ou o profesor da Universidade de Alcalá, Iñaki Piñuel y Zabala, que falará sobre as estratexias de prevención, avaliación e intervención en casos de acoso escolar. O responsable da área de Novas Tecnoloxías da Oficina do Valedor do Pobo, Daniel Neira; o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rial –coordinador do proxecto “Mocidade on line”; ou a educadora social Sara Vierna, serán outros dos relatores. As sesións desenvolveranse no salón de actos e en Humanidades.

inscricións
As persoas interesadas en participar nas xornadas poderán inscribirse, de xeito totalmente gratuíto, a través da web http://www.udc.gal/oficinaigualdade. O prazo para formalizar as solicitudes comprenderá do vindeiro mércores día 11 ata o luns 23 –atenderanse por orde de inscrición e ata completar aforo–.
A concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, deu conta onte desta proposta aos grupos municipais na comisión informativa de Cultura, Educación, Deportes e Turismo.

O Concello e a Universidade organizan as xornadas baixo o lema “Educando en igualdade”

Te puede interesar