• Sábado, 03 de Diciembre de 2016

O Concello de Fene entrega os premios Curuxa 2016

A Cada da Cultura do Concello de Fene acolleu onte unha intensa xornada coa celebración dunha dobre cita: a entrega de premios e inauguración da exposición dos Curuxa e a última sesión do ciclo de humor

O Concello de Fene entrega os premios Curuxa 2016
A entrega de premios tivo lugar onte pola tarde no Museo do Humor de Fene	jorge meis
A entrega de premios tivo lugar onte pola tarde no Museo do Humor de Fene jorge meis

A Cada da Cultura do Concello de Fene acolleu onte unha intensa xornada coa celebración dunha dobre cita: a entrega de premios e inauguración da exposición dos Curuxa e a última sesión do ciclo de humor desenvolvido durante o mes de novembro, que nesta derradeira función correu a cargo do contacontos ribeirense Quico Cadaval. Antes desta actuación, procedeuse á entrega dos galardóns aos premiados da convocatoria de humor gráfico. O gañador desta edición foi o debuxante Alberto Cardona Valcarcel pola obra titulada “Ray”. O xurado salientou ou pouso que deixa a historia, que se presenta aberta, de humor negro e cunha excelente resolución gráfica acorde coa temática abordada.
O segundo premio foi para Antón Lezcano González, pola obra “Modernas”, da que o xurado destacou o seu humor directo e moi galego. Na categoría de Curuxa Nova (menores de 25 anos), Cristian Caruncho fíxose co primeiro premio co traballo titulado “Adaptación ao medio”, no que, con gran orixinalidade, botou man dun tema tan actual como é o das redes sociais para plasmalo de xeito humorístico en formato cómic.
O segundo galardón neste mesmo grupo foi para Alba Souto Rodríguez, con “A gaivota para Amalia”, unha crítica social sobre a contaminación. A contía dos premios oscilan entre os 2.000 do gañador do Curuxa aos 500 do segundo da modalidade de menores de 25 anos.