“Co Tratado de Libre Comercio perderemos a capacidade de decidir sobre a nosa economía”

“Co Tratado de Libre Comercio perderemos a capacidade de decidir sobre a nosa economía”
Facultade de Ciencias do Traballo conferencia sobre o tratado de libre comercio de Bernardo Valdes

Redución de aranceis, perda de celo na etiquetaxe dos produtos agroalimentarios, flexibilización das normas para a autorización de, por exemplo, determinados medicamentos e mingua da capacidade para tomar decisións sobre a economía propia. Estes son, segundo o profesor da USC Bernardo Valdês, algunhas das mudanzas que introducirá, se frutifica, o Tratado de Libre Comercio entre a UE e os EEUU que, con moito secretismo, se negocia desde hai meses.

Que procura este acordo?
Varias cousas. Unha delas, a eliminación ou minimización de aranceis, é se cadra a menos relevante, pois entre EEUU e a UE son en xeral moi cativos a día de hoxe. Nalgún sector, concretamente o agroalimentario –os produtos cárnicos– si os teñen altos, mais por norma son pequenos, entre o 2 e o 3%. O máis importante, pero do que menos se fala, é todo o demais. O libre comercio implica tamén a eliminación das barreiras non arancelarias, isto é, toda normativa que pode afectar ao comercio e que é distinta nos EEUU e na UE, como as normas sanitarias. Por exemplo, a UE prohíbe o engorde de animais para carne con hormonas, algo que nos EEUU está permitido, pero que impide a súa exportación a Europa. Se hai unha harmonización normativa, camiñarase cara a un estándar único, e o risco é facelo á baixa e en aspectos como a utilización de aditivos químicos, pesticidas, herbicidas ou a etiquetaxe de produtos xeneticamente modificados que é obrigatorio na UE e non nos EEUU. Por non falar da lexislación medioambiental.

A desregulación é un dos obxectivos últimos das negociacións?
Depende do sector. Hai casos nos que as normas son máis flexíbeis nos EEUU, sobre todo no que ten que ver co medio ambiente, a alimentación ou o principio de precaución nos medicamentos humanos. Isto, na práctica, supón que en Europa, en caso de dúbida, o produto ou a substancia se prohíben; nos EEUU é o contrario, é dicir, hai que demostrar que algo é prexudicial para que se prohíba porque se hai dúbida, autorízase. Noutros casos a normativa estadounidense é máis restritiva, por exemplo, no eido das finanzas. Coa crise introduciron unha serie de normas de maior control público da actividade financeira.  

Que é a protección de investimentos estranxeiros?
Trátase de que o Estado ten que protexer e dar garantías aos investidores. Para iso, o TCL introduce unha figura moi controvertida, que son os mecanismos de arbitraxe privada ou, o que é o mesmo, a posibilidade de que un investidor poida denunciar a un Estado non ante a súa xustiza, senón ante tribunais internacionais, para dirimir os conflitos. A día de hoxe xa hai moitos tratados de investimentos bilaterais que conteñen este tipo de cláusulas e nos que hai denuncias por cousas como a suba do salario mínimo en Exipto, medida pola que unha compañía europea denunciou o Estado ao entender que así se reducen os seus beneficios.

Critica que o TCL se estea a negociar con moito secretismo...
O propio mandato que teñen os negociadores que actúan no nome das institucións comunitarias é, de feito, secreto. Os organismos europeos celebraron nos últimos anos 500 reunións para preparar estas negociacións e destas, máis do 90% foron con grandes multinacionais para marcar as pautas da axenda da Unión Europea. A propia abertura das negociacións vén impulsada por estas grandes corporacións que desde hai anos veñen conformando un lobby co obxectivo de que esta liberalización a nivel trasatlántico se produza finalmente.

Que suporá o acordo para o mapa económico mundial?
Parte dos obxectivos estaban a negociarse xa nun organismo como a Organización Mundial do Comercio na rolda chamada de Doha ou do Milenio. As conversas fracasaron pola emerxencia dun grupo de actores importantes –Rusia, India, Brasil, Sudáfrica e outros países latinoamericanos que defendían políticas alternativas– que impediu que as pretensións da UE e dos EEUU se levasen adiante. Parte deses obxectivos, mesmo os máis avanzados, recupéranse neste proceso para crear unha área que, no caso de se materializar, suporía a maior área de libre comercio do planeta, con máis do 40% do PIB, un terzo do comercio mundial, e con capacidade para constituírse como o outro gran polo de crecemento fronte ao que supoñen os emerxentes e para intentar impor estas mesmas regras a nivel planetario para poderen manter unha relación comercial con esta grande áera económica. n

“Co Tratado de Libre Comercio perderemos a capacidade de decidir sobre a nosa economía”

Te puede interesar