O CIFP Rodolfo Ucha celebra 25 anos coas miras postas na continua adaptación aos cambios

O CIFP Rodolfo Ucha celebra 25 anos coas miras postas na continua adaptación aos cambios
CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro 25 aniversario

A súa historia remóntase a moitos anos atrás, concretamente a  1881 coa inauguración da Escola de Artes e Oficios na rúa Magdalena, mais foi hai 25 cando, logo de sucesivas transformacións, o Rodolfo Ucha Piñeiro trasladaba a súa sede ao barrio de Caranza. Esta última efeméride converteuse no eixo da celebración que onte, durante a mañá, reuniu a gran parte da comunidade educativa, integrada na actualidade por arredor de 950 alumnos e 65 profesores.

Desde a súa conversión en 2006 en Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) –ata o momento funcionaba como Instituto de Educación Secundaria–, ofrece un total de 13 ciclos formativos (3 medios e 10 superiores) pertenencentes a seis familias profesionais diferentes –Informática e comunicacións; Hostalería e turismo; Construción e obra civil; Comercio e marketing; Actividades físicas e deportivas: e Administración e Xestión–. Tamén dispón de accións formativas para desempregados; un viveiro de empresas; ou a carta Erasmus para as prácticas no estranxeiro, entre outras actuacións de innovación.

“A nosa intención é seguir sendo un centro referente na comarca na formación de profesionais cualificados en diferentes ámbitos”, salientaba onte o director, Fernando López Uceira, na intervención inaugural do acto. Xunto a el interviron tamén o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela e o Inspector Xefe da provincia, Fermín Álvarez Lata, en representación do Concello e da Consellería de Educación, respectivamente.

O variado programa festivo comezaba uns minutos antes, pasadas as dez da mañá, coa plantación dun albedro no xardín situado á entrada do recinto. Unha árbore que desde onte simbolizará a conmemoración e que a partir de agora poderá ser testemuña do día a día do CIFP. Seis alumnos –un de cada unha das familias profesionais existentes na oferta– tomaron parte na plantación.

Xa no salón de actos, López Uceira, que quixo lanzar un cariñoso saúdo aos familiares das vítimas do tráxico accidente aéreo dos Alpes, ofreceu un percorrido pola historia do centro e as súas sucesivas transformacións –trala súa orixe na Escola de Artes e Oficios, converteuse na Escola Elemental de Traballo, mudando logo na de Mestría Industrial que debido ao elevado número de alumnos derivaría no desdobramento entre o instituto Marqués de Suanzes e o Rodolfo Ucha–,  agradecendo o labor e compromiso de todos os que forman ou nalgún momento formaron parte da comunidade educativa do centro e expresando a súa intención de seguir “a formar profesionais que axuden ao avance da cidade ferrolá e seguir adaptándonos aos cambios que veñen por diante”.

Auxe

Álvarez Lata, pola súa banda, salientou o pulo que nos últimos  tempos foi conquerindo a Formación Profesional fronte ao Bacharelato. Fronte ao estancamento deste –no tocante ao número de alumnos matriculados–, “a FP evolucionou de maneira marabillosa”, comentou o inspector. A maior carga práctica destes estudos e as posibilidades de acceso ao mercado laboral ao rematar os mesmos foron dous dos aspectos salientados.

O alcalde de Ferrol, que puxo en valor a formación académica ofrecida no CIFP Rodolfo Ucha,  afirmou que “os representantes públicos temos que defender o ensino público”.

O CIFP Rodolfo Ucha celebra 25 anos coas miras postas na continua adaptación aos cambios

Te puede interesar