Ciencia e innovación desde as aulas

O Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole acollerá desde hoxe e ata o venres nas súas instalacións de Ourense a novena edición de Galiciencia, unha feira na que alumnos e profesores de toda a comunidade darán a coñecer proxectos científicos fraguados nas propias aulas.
A cifra de propostas chega este ano ás 64. Entre elas, cinco corresponden a colexios e institutos da comarca. Cada un deles disporá estes días dun stand propio no recinto de Tecnópole para amosar os seus respectivos traballos aos visitantes –a previsión de grupos escolares supera os 2.000–.
A construción dun prototipo de robot submarino (IES de Ortigueira); a creación de biodiésel ou xabón a partir de aceite usado de cociña (CPI San Sadurniño); o proceso para a determinación de graxas en alimentos (IES Ricardo Carballo Calero); ou a realización de diferentes actividades e experimentos relacionados coa electricidade son as propostas que viaxan desde a zona de Ferrolterra.

representación
Por parte do instituto ortegano estarán na exposición a profesora Patricia Hermida e os alumnos Ángel Muíño e Daniel Pérez. Por parte do CPI San Sadurniño farán o propio o docente Juan José Guillín e os estudantes Carlos Martínez e David Santos (na categoría de Bacharelato) así como a docente Dolores Rodilla xunto aos escolares Sabela Fernández, Manuel Pita, Iria Carballo, Carmen Míguez e Elena Beceiro no grupo de Primaria.
De explicar o proxecto do IES Ricardo Carballo Calero encargarase María de los Ángeles Ruíz (profesora) –tamén participou Fernando Barbadillo– xunto a Iago Fernández e Borja Vergara. Finalmente, por parte do Lestonnac estarán no stand a docente Cristina Botana xunto aos alumnos Sofía Maceiras e Bruno Díaz. A cita está dirixida a equipos de Bacharelato, ESO e, por primeira vez, tamén a Primaria. En cada unha das categorías elixiranse os gañadores.

IES ORTIGUEIRA (BACHARELATO)
“CONSTRUCIÓN DO PROTOTIPO DE ROBOT SUBMARINO “TECNOROV’”

O pasado curso, a profesora da asignatura de Tecnoloxía Industrial II do instituto ortegano, Patricia Hermida, prantexou aos seus alumnos un interesante proxecto de aula: o deseño e a construción dun robot submarino a pequena escala, non tripulado e controlado a través dunha consola de mando. Así cobrou vida “Tecnorov”, nome co que se bautizou a un prototipo sobre o que se segue a traballar. Agora trátase de equipalo con diferentes elementos –como poden ser sensores, brazos, cámaras submarinas ou outro tipo de automatismos que permitan desenvolver aplicacións novas e interesantes para o coñecemento do estudo dos fondos submariños.

CPI SAN SADURNIÑO (ESO)
“SÍNTESE DE BIODIÉSEL A PARTIR DE ACEITE USADO DE COCIÑA”

O proxecto de recollida de aceite de cociña usado no que está implicado o CPI San Sadurniño serviu de punto de partida para que, no marco da materia de Física e Química, os alumnos de ESO buscaran algunha saída para a súa reciclaxe. A creación de biodiésel convertiuse na opción escollida, unha alternativa sen dúbida de grande interese dada a situación económica e enerxética actual, que obriga a buscar alternativas aos combustibles fósiles. Así, e a través dunha reacción chamada “transesterificación”, conseguiron un biodiésel que cumpre cos parámetros legais e que mesmo foi probado con éxito como combustible nun vehículo propiedade do propio Concello de San Sadurniño.

IES RICARDO CARBALLO CALERO (ESO)
“¿QUE COMEMOS? DETERMINACIÓN DE GRAXAS EN ALIMENTOS”

O IES Ricardo Carballo Calero de Caranza acudirá ao Galiciencia por cuarta vez. Nesta ocasión, farao cun proxecto que ten por obxectivo determinar o nivel de graxas en diferentes alimentos, tanto nos máis sans como naqueles menos recomendados para unha correcta nutrición. A través do emprego dun disolvente de graxas e mediante un procedemento que suscitou un grande interese entre os dous alumnos implicados, estes puideron comprombar o elevado nivel de graxas que teñen, por exemplo, moitos dos aperitivos que a miúdo consumen os rapaces ou incluso unha avelá. foto: jorge meis

CPI SAN SADURNIÑO (PRIMARIA)
“FACEMOS XABÓN A PARTIR DE ACEITE RECICLADO”

Ao igual que os seus compañeiros de ESO, os alumnos de 5º e 6º de Primaria do CPI San Sadurniño desenvolveron tamén o pasado curso un proxecto para reciclar o aceite usado de cociña. Neste caso optouse pola elaboración de xabón, a través dun proceso que consiste en facer reaccionar o aceite con sosa nun recipiente tamén reciclado que serve de reactor e de molde. Tamén se lle engaden aditivos como pousos de café ou codia de laranxa reciclados, para mellorar as súas propiedades. O xabón envásase e véndese no rastro solidario que se fai a final de curso para a recollida de fondos para fins benéficos e tamén para contribuír ao proxecto de ópera no que están implicados os de 6º curso.

SANTA XOANA DE LESTONNAC (PRIMARIA)
“ACTIVIDADES CON CHISPA (A ELECTRICIDADE)”

A construción dunha alarma contra intrusos, a elaboración dunha pila a partir dun limón ou a análise dos aparatos eléctricos domésticos son tres das actividades realizadas polos alumnos de 2º de Primaria do colexio Lestonnac dentro do taller de investigación da área de Coñecemento do Medio. Na xornada de hoxe amosaranas en Galiciencia, á que acudirán con todo o material necesario para realizar os seus experimentos ante os visitantes. O proxecto ten como finalidade achegar aos nenos ao mundo da electricidade a través dunha serie de propostas que, segundo se salientou desde o propio Lestonnac, xeran unha gran motivación entre os escolares. foto: jorge meis

Ciencia e innovación desde as aulas

Te puede interesar