A cidade devólvelle a voz a Rosalía

A cidade devólvelle a voz a Rosalía
Sargadelos lectura poemas de la Asociación de Escritores Gallegos en honor a Rosalía

A muller combativa preocupada polas mulleres e pola sociedade do momento. Esta foi a Rosalía de Castro que onte se lembrou na galería Sargadelos nun acto convocado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)con motivo do aniversario do seu nacemento e que secundaron preto de medio centenar de persoas. A escritora e experta en Patrimonio Rosa Méndez foi a encargada de abrir a cita fuxindo “desa Rosalía melancólica que de nenas nos querían facer comprender”. Compartiu mesa coa escritora Rosa Martínez, encargada de abrir o recital poético cos versos de “Silencio”. Fernando Ocampo valeuse das novas tecnoloxías para interpretar un sentido “Negra sombra”, mentres que un improvisado Antón Cortizas prestou a súa voz a “Castellanos de Rosalía”. Aurora  Varela, Pepe Leira e a propia Rosa Méndez completaron o “cartaz” deste recital no que tamén houbo verbas de recoñecemento a un acto simultáneo que se celebrou en moitos puntos de Galicia.
Esta non foi a única homenaxe que a cidade de Ferrol rendeulle onte á escritora galega máis universal. Así na Biblioteca Central repartíronse marcapáxinas con versos da autora a todos os usuarios que levaron en préstamo un libro –se aínda encima era en lingua galega recibían tamén unha rosa–. Unha iniciativa que se complementou cunha exposición de paneis con poemas de Rosalía en diferentes puntos do edificio así como tarxetas con frases da autora aberta ate este venres.
As obras cume da escritora de “Follas Novas” e “Cantares Gallegos” cobraron vida no conservatorio Xan Viaño  da man da Asociación Cultural Medulio, acompañadas pola música do grupo Tempo Catro formado por Andrés Pazos e Suso Iglesias e a interpretación do cantante ferrolán Paco Montero.
De forma simultánea, no Café Teatro do Pazo da Cultura naronés a doutora en Filoloxía galego-portuguesa e profesora de Lingua e Literatura Galega na Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, debullou a figura   da escritora na conferencia “Por que somos Rosalía?” que presentou o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo.

A cidade devólvelle a voz a Rosalía

Te puede interesar