Cinco centros da comarca expoñen os seus proxectos en Galiciencia

Cinco centros da comarca expoñen os seus proxectos en Galiciencia
Alumnos do Valle Inclán estarán presentes na feira científica cun total de cinco proxectos | jorge meis

O recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, situado en San Cibrao das Viñas (Ourense) abrirá desde mañá mércores e ata o venres as súas portas aos estudantes galegos coa celebración dunha nova edición, a duodécima, de Galiciencia, na que rapaces dos diferentes niveis educativos terán oportunidade de amosar os seus innovadores e orixinais traballos.
Nesta ocasión, foron seleccionados un total de 50 proxectos de Secundaria e Bacharelato e 29 de Primaria.
Entre os primeiros inclúense seis realizados en centros educativos da comarca. Así, o CPI Atios de Valdoviño estará presente no encontro con dúas propostas. Nunha delas, os alumnos Iago Barros Fernández e Raúl Caneiro Paz, baixo a coordinación do docente Reyes Montero Vale, amosarán a súa creación de lentes para cegos, deseñadas en Autodesk 360 Fusion, impresas en impresora 3D e ás que se engadiron uns sensores ultrasónicos conectados a unha placa electrónica e a uns motores e zoadores.
A segunda das propostas do centro no Galiciencia chega da man das alumnas Alba Méndez e Sara Santiago, que, baixo a supervisión da mesma docente, viaxan á feira científica co seu “Proxecto de ciencia cidadá: análise da auga potable no Concello de Valdoviño”. O seu obxectivo pasa por axudar a controlar a calidade da auga que consumimos, tanto no seu PH como na cantidade de cloro que contén.
Tamén con dous stands contará o IES Concepción Arenal. Nun deles, os estudantes Juan Vigo e Andrés Aguado explicarán o seu traballo de creación dun sensor electrónico para demostrar a teoría de arrefriamento de Newton, mentres que as súas compañeiras de instituto Denise Feal e Arzu Domínguez amosarán aos visitantes un sensor electrónico de escuridade que acciona as luces do coche automaticamente cando se fai de noite para evitar colisións e outros accidentes. En ambos os dous casos, Carmen Río é a docente responsable.
O IES Ortigueira tamén se desprazará este ano ao Galiciencia con dúas propostas coordinadas pola profesora Patricia Hermida. Nunha delas, os alumnos Lucía Pernas e Álvaro Orizales presentarán o seu proxecto “S.O.S.” (Save Our Seas), unha máquina para recoller plásticos do mar para protexer a fauna. Pola súa banda, no traballo “A domótica nunha vivenda bioclimática” de ulián Lorenzo e Pablo Pérez, e no que colaboraron os departamentos de Tecnoloxía e o de Madeira e Moble, J, ten como obxectivo acadar a maior eficiencia enerxética no interior da vivenda.
Entre os proxectos seleccionados polo Galiciencia figura tamén o elaborado polas alumnas do IES Ricardo Carballo Calero Aridia Terreiro e Ainhoa Varela, coa implicación da profesora María Ángeles Ruiz-Matas. O traballo titulado “As vacas, son un problema medioambiental?” fai un estudo das emisións de metano destes animais e dos métodos para diminuílo.

Premios
Todos estes proxectos competirán, xunto a outros centros da comunidade galega, Cataluña, Euskadi, Asturias e Andalucía, polos premios estipulados por unha iniciativa que conta co respaldo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.
Así, o equipo que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018. O segundo clasificado recibirá 500 euros para apoiar a súa asistencia á Zientzia Azoka, en Bilbao. O terceiro acadará 200 euros para participar nas actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
Xunto aos stands nos que os grupos de alumnos amosarán os seus traballos, a feira Galiciencia recibirá tamén a visita de grupos escolares de toda a comunidade, estando aberta ao mesmo tempo a todos aqueles particulares e interesados en asistir. l

Cinco centros da comarca expoñen os seus proxectos en Galiciencia

Te puede interesar