• Viernes, 15 de Diciembre de 2017

Centos de persoas colgan prendas de roupa na reixa de Navantia na acción artística de Radio Buguina

Da reixa do estaleiro de Navantia xa non só penduran os buzos cos que os traballadores do naval simbolizan desde hai meses a perda de postos de traballo na factoría da ría de Ferrol.

Centos de persoas colgan prendas de roupa na reixa de Navantia na acción artística de Radio Buguina
centos de persoas colgaron prendas de roupa na reixa do estaleiro	l.p.
centos de persoas colgaron prendas de roupa na reixa do estaleiro l.p.

Da reixa do estaleiro de Navantia xa non só penduran os buzos cos que os traballadores do naval simbolizan desde hai meses a perda de postos de traballo na factoría da ría de Ferrol. Xunto a eles, centos de prendas dan forma desde onte a un “monumento á dignidade”, no que, ademais dos operarios do naval, están representados moitos outros sectores, a cidadanía en xeral, vítimas da crise económica e “os ataques sociais que padecemos”.
Mandilóns escolares, batas de sanidade, de laboratorio ou de  limpeza, uniformes militares, camisetas de diferentes entidades, clubes ou asociacións, pantalóns, chaquetas, vestidos e moitas outras pezas de roupa, algunhas delas con mensaxes incluidos –“me deixaron en pelotas”, “queremos traballar e non emigrar” ou frases en apoio a Ferrol e a súa comarca– foron pendurados onte polos centos de persoas que secundaron a “acción artística popular” de Radio Buguina.
A chamada deste colectivo, integrado por parte dos artistas e creadores que levaron a cabo a “Burla Negra” pola catástrofe do Prestige, tivo unha excelente resposta por parte da cidadanía de Ferrolterra e mesmo de xente doutros puntos da comunidade.
“Con esta acción chamamos a seguir o exemplo daqueles traballadores do naval que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo, uns buzos que simbolizan o pelexo dun animal esfolado”, apuntaba onte o deseñador eumés Pepe Barro, un dos membros do colectivo. “A roupa deshabitada, espetada ou cinxida aos ferros, é a metáfora dos corpos desaloxados, expulsados do espazo de traballo”, apuntan desde o colectivo.

unidade
Barro salientou a unidade acadada na organización dunha acción que non sería posible, dixo, sen o apoio das máis de 30 entidades –entre partidos políticos, sindicatos, asociacións culturais e outros moitos colectivos, encabezados polos comités de Navantia e das industrias auxiliares– que colaboraron na iniciativa.
A cita foi retransmitida en directo polo polifacético Xurxo Souto e contou coa participación de numerosos artistas como Mercedes Peón, Manolo Bacallau, María Manuela, Antón Cortizas, e moitos outros. A acción quedará tamén recollida nun vídeo que será presentado na cidade.