A celebración dos Maios de Canido foi a porta de entrada para a primavera

A celebración dos Maios de Canido foi a porta de entrada para a primavera
Fotos dos Maios no barrio de Canido

Inesperada culminación da festa dos Maios no barrio de Canido. Á espera de chuvia, o que chegou foi un día solleiro, ideal para levar a cabo todas as actividades ao aire libre ideadas desde a AVV desde o pasado venres. Numerosos maios deixaron inmellorable constancia da chegada da primavera, con xestas, flores e moitos pequenos gozando desta fermosa entrada.
Sen dúbida o acto central da xornada foi o que organizou a asociación cultural Muíño do Vento fronte ao novo centro cívico de Canido, na rúa Poeta Pérez Parallé. Alí, baixo unha enorme carpa, a entidade entregou os premios do certame interescolar “Inventa unha flor”, que premiou a redacción de 48 alumnos dos catro centros do barrio, unha ducia por colexio. A eles se lles entregou un diploma e unha medalla cerámica obra da artista Susana González Amado.
O protagonismo do acto foi compartido coa entrega do III Premio de Textos de Contraportada que foi parar por segunda vez ao escritor compostelán Fernando M. Cimadevila pola súa obra “Acariciando o ceo”. O autor, presente no acto, agradeceu o galardón e a orixinalidade desta proposta. O acto completouse con varias intervencións musicais e de baile desde o escenario. Así, actuaron a Escola de Baile Mario Escudero e o Coro Interescolar, cos rapaces galardoados no certame literario. Tamén houbo unha exhibición de ilusionismo cunha actuación do Colectivo Máxico Lorc & Julit, e máis música co grupo Bite The Soul, que fixo un repertorio adaptado especialmente á festividade.
Desde Muíño do Vento salientaron o éxito da celebración. Así, o presidente César Pita e o directivo Antonio Yáñez consideraron “un éxito a xornada e a participación dos nenos, cando ademais se celebraba o Día da Nai. Tivemos moita fortuna por un tempo inesperado, cando se agardaba unha chuvia que por sorte non chegou. Hai que destacar especialmente a implicación dos centros escolares do barrio e da propia asociación de veciños nesta iniciativa que foi todo un éxito”. En canto ao Certame de Textos de Contraportada, desde Muíño do Vento xa comentan que están a traballar na próxima edición.   

moitas actividades
A maiores, Canido foi un xardín cheo de actividade. A propia rúa Pérez Parallé acolleu durante toda a xornada un feirón de roupa, artesanía e produtos de segunda man, mentres os pequenos puideron gozar de diferentes atraccións de feira a prezos populares. Así mesmo, a banda Chiculate protagonizou a sesión vermú da festa. Xa pola tarde, o Real Coro Toxos e Froles actuou no barrio dentro do ciclo municipal “Música tradicional na rúa”. As festas tiveron como colofón o espectáculo interpretada polo Trío Pecados.

A celebración dos Maios de Canido foi a porta de entrada para a primavera

Te puede interesar