• Sábado, 16 de Diciembre de 2017

Catro centros da comarca ampliaron o plurilingüismo á etapa de Infantil

O programa plurilingüe da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegou xa este curso a todas as etapas educativas. A potenciación dunha lingua estranxeira nas aulas –na meirande parte dos casos inglés–

Catro centros da comarca ampliaron o plurilingüismo á etapa de Infantil
Alumnos de Infantil do colexio Lestonnac de Ferrol que se benefician do programa plurilingüe | daniel alexandre
Alumnos de Infantil do colexio Lestonnac de Ferrol que se benefician do programa plurilingüe | daniel alexandre

O programa plurilingüe da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegou xa este curso a todas as etapas educativas. A potenciación dunha lingua estranxeira nas aulas –na meirande parte dos casos inglés–, da que ata o de agora xa se viñan beneficiando as etapas de Primaria e Secundaria, extendeuse no curso actual a Infantil, Bacharelato e Formación Profesional.
Na comarca de Ferrolterra, catro centros –ao igual que fixeron outros 79 no conxunto da comunidade– decidiron ampliar o programa á primeira etapa da escolarización, na que se forman nenos de entre 3 e 6 anos. Os colexios concertados Jesús Maestro e Santa Juana de Lestonnac, ambos os dous de Ferrol, así como os públicos Os Casais de Fene e A Fraga das Pontes, recibiron recentemente das mans da Consellería a “estrela verde” que recoñece as súas incorporacións ao programa na devandita etapa.
No colexio fenés, os alumnos máis pequenos desenvolven en inglés a materia de plástica así como as rutinas que forman parte do día a día na aula. “É practicamente todo oral e os nenos aprenden moito vocabulario”, comenta Lorena Pita, directora do centro. “Os alumnos xa tiñan algunha sesión en inglés, pero agora increméntase. É moi positivo que poidan ir educando o oído cantes antes mellor”, salienta.
Positivo
Tamén no colexio Lestonnac, onde contan cunha auxiliar de conversa, este curso os alumnos de Infantil viron incrementadas as sesións de inglés, lingua na que imparten Psicomotricidade e Coñecemento do contorno. “Todo lo que sea ganarle horas a una lengua con la que no están mucho en contacto y que se pueda reforzar en el colegio es muy interesante”, señala a directora, Eva Díaz-Robles. “Cuanto antes empiecen mejor; creo que va a ser muy positivo”, engade.
Estes catro centros que este curso ampliaron o programa en Infantil xa viñan desenvolvendo o plan de plurilingüismo da Xunta nas etapas de Primaria e Secundaria, rede da que tamén forman parte outros centros da comarca como os CEIPs de Centieiras e O Ramo e o CPR Jorge Juan en Fene; os concertados La Salle, Sagrado Corazón, Compañía de María, Cristo Rey, Valle Inclán e o público San Xoán de Filgueira en Ferrol; o CPI Virxe da Cela de Monfero; os CEIPs Virxe do Mar e Ponte de Xuvia de Narón; o CPR San José e o colexio público de Andrade en Pontedeume; e os CEIPs Santa María e A Magdalena e o IES Castro da Uz en As Pontes, segundo os datos achegados pola Consellería de Educación.
Algúns destes incrementaron este curso o programa nalgunha etapa. A maiores, hai centros que teñen algunha sección bilingüe pola que imparten algunha materia determinada nalgún curso espcífico.
A ampliación este curso do plurilingüismo ás etapas nas que non se tiña implantado enmárcase na estratexia EDUlingüe 2020 da Consellería de Educación.
Trátase, en palabras do conselleiro Román Rodríguez, de “dar máis oportunidades para o alumnado con indepenencia da súa situación social ou económica. Significa preparar aos mozos e ás mozas para os retos da actual sociedade globalizada, e significa mellorar as perspectivas laborais dos, mañá, futuros profesionais”.
Galicia conta na actualidade con 322 centros plurilingües, 40 máis que no anterior. Un total de 83 extenderon este ano programa a Educación Infantil, 4 a Bacharelato e 7 en FP.