Catabois será tomado polas ánimas este venres nun Samaín de medo

Catabois será tomado polas ánimas este venres nun Samaín de medo
SAMAÍN CATABOIS

O barrio de Catabois celebra por cuarto ano un intenso Samaín que involucra a comercios e veciños a través da iniciativa da asociación ECHO. Este venres vivirán unha tarde e unha noite de festa que incluirá concursos de cabazas, de caracterización e de ambientación nos locais e nas casas. Tamén se premiarán as mellores carrozas que participen na Volta das Ánimas, un pasarrúas terrorífico que partirá ás 20.30 horas do cemiterio e percorrerá a principal avenida de Catabois ata chegar a Canido. A gastronomía estará tamén moi presente con tapas elaboradas para esta especial noite que se poderán degustar nos establecementos colaboradores. Como novidade, nesta edición haberá dúas atraccións infantís e tamén se distribuirán dous castañeiros e un churreiro polo barrio para contribuír ó ambiente festivo.
Os concursos terán un xurado formado pola actriz Dolores Porto, o músico Al Vila e o pintor Suso Basterrechea. Eles decidirán quen gaña o certame de caracterización, no que non se poden empregar máscaras ou caretas. Haberá un premio colectivo para grupos dun mínimo de dez participantes (80 cataleuros, moeda de curso en Catabois e que equilave a 80 euros) e individuais infantil e adulto (20 cataleuros cada un).
Para o certame de cabazas colocaranse mesas de recollida desde as catro da tarde nos cafés Félix e Ipanema. Premiarase a máis orixinal e a máis horrorosa. No apartado de cabazas tamén se organizou un concurso interescolar. Ademais ó carón dos postos de recollida haberá un obradoiro de caracterización, de 18.00 a 20.30 horas, para que ninguén quede sen pintar.
Os veciños poden participar no Samaín sumándose cos seus disfraces á festa, participando no pasarrúas e tamén decorando as súas fachadas, balcóns e portas con motivos do samaín. Tamén eles poderán gañar un premio en cataleuros.
Os socios da asociación Empresarios, Comerciantes e Hostaleiros Catabois (ECHO) teñen ademais a oportunidade de concursar nun certame que mirará a ambientación de cada local e co que colabora Diario de Ferrol.
Outro apartado que se xulgará será o das carrozas da Volta das Ánimas. Neste caso establécense catro premios, de 250, 200, 150 e 100 cataleuros.
Para participar en calquera destes concursos hai que inscribirse na Mercería Mafalda. n

Catabois será tomado polas ánimas este venres nun Samaín de medo

Te puede interesar