Cara á III Asemblea (LIV)

Cara á III Asemblea (LIV)
Diario de Ferrol-2017-07-16-001-46dcf231

Mais o escaso eco que tiveran os chamados a conmemorar debidamente o Día de Galicia no 25 de xullo non debeu afectar de xeito significativo aos militantes irmandiños. Pasara unha data singular e o movemento no acababa aí nin moito menos. A próxima data relevante era a que se tiña que fixar para celebrar a III Asemblea no ano 1921. Mais ata chegar aí as liñas fundamentais do traballo dos nacionalistas foron,  por unha banda, o de afortalar o tema cultural, especialmente o literario e, pola outra, reforzar as relacións de todo tipo con Cataluña, Portugal e Irlanda, que nesa altura estaba nos momentos decisivos da súa loita pola liberación nacional. Na cuestión literaria obsérvase o interese por difundir a literatura medieval, daquela moi pouco coñecida e non só en Galicia. Para iso, nas páxinas d’A Nosa Terra inauguran unha sección que titulan “Vellos poetas galegos” e que inician con versos do Rei Alfonso o Sabio. Dan tamén cabida -ao carón dos dos gloriosos mortos ou de vivos xa consagrados- a versos de poetas novos, como Correa Calderón ou Manuel Antonio. Risco tamén se ocupa de difundir a lírica que se anda a facer polo mundo adiante, os novos xeitos de facer poesía, as vangardas.
Pero neste asunto de abordar con seriedade e rigor todo o relacionado co mundo da cultura foi decisiva a posta en marcha, en Ourense, da revista Nós, aparecida en Ourense o 30 de outubro de 1920. Co mesmo título que lle dá nome, “Nós”, fanlle unha ampla reseña n’A Nosa Terra de 5 de nadal:
“Así se denomina un boletín mensual da cultura galega,órgao da Sociedade Galega de pubricaciód ‘Nós’, cuio primeiro número temos presente, e s’edita n’Ourens. Direitor do mesmo é Vicente Risco, o querido irmán e ilustre catedrático: Xerente, Arturo Noguero, o abogado cultísimo; Redautor-xefe, Xavier Prado (Lameiro) o dramaturgo humorista tan loubado, e segredario da Redaución, o notabre xornalista Xulio Gallego. Se non tivesen abondado estes nomes pra afirmarmos que o novo boletín ha de ser cousa trascendente, inda poderíamos dicer que nas listas da Redaición do colega feguran Cabanillas, Castelao, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Cuevillas, todos artistas e catedráticos de soa, que costituen xunto c’os colaboradores, o millore da intelectualidade galega, en cantas facianas abranguen o sentimento i-o pensamento da Nosa Terra na ‘hora nvecentista’”. Sabido é que todos eses nomes estaban dun xeito ou doutro vinculados ao movimento nacionalista e practicamente a totalidade tiñan xa colaborado nas páxinas do voceiro irmandiño.
A mesma intensidade de compromiso que atopamos co mundo da cultura achámolo no aspecto máis ideolóxico-político. Xa no primeiro número do xornal das Irmandades -neses momentos con problemas de periodicidade- aparecido após o 25 de xullo, atopamos un artigo de Peña Novo co título “Pra desfacer unha lenda / A unidade hespañola” (número de 20 de agosto). 
Días antes, o 12 de agosto, Terence Joseph MacSwiney, alcalde de Cork polo Sinn Féin, fora detido polas autoridades inglesas, “por ter pronunciado un discurso na defensa do seu país e gardar documentos comprometedores”, en palabras d’A Nosa Terra. Foi condenado a dous anos de prisión na cadea de Brixton, Gran Bretaña. Negouse a comer mentres non fose posto en liberdade e acabou por morrer despois de 74 días de folga de fame, o 25 de outubro dese ano de 1920.
Xa antes, no número de 5 de outubro, a publicación nacionalista incluía na súa portada un retrato do líder irlandés acompañada da noticia da súa detención e encarceramento. Titulaba “O héroe mártir da raza”. No número seguinte, do 5 de novembro, aparecido cando xa se producira a morte de MacSwiney, o xornal recolle tres espazos dedicados aos asunto. Por un lado, reproduce, en francés e en galego, o texto da mensaxe de condolencia que enviaran, “Copia do mensaxe que os nazonalistas galegos dirixiron aos irmaos irlandeses”, e que finaliza: “Nos, a Irmandade da Fala da Cruña, facendonos intérpretes dos sentimentos dos bôs fillos de Galizia, saludamosvos nobres fillos d’Irlanda, nosos irmans polo amor sagrado do chan natal e rogamos a Deus vos dea unha victoria que tendes tan merecida, e dea â vosa Santa Irlanda a independencia y-a paz”.
Por outro, “Unha poesía do Alcalde de Cork”, onde se recolle a versión galega do poema “Aprendamos a morrer”, que o loitador independentista escribira no seu encerro, introducido por esta nota: “O novo martire de Irlanda, pasados 28 días de non probar bocado d’alimento que lle donasen os escravizadores da sua Patria, fixo estos versos que pubricou o xornal Kilkenng People”.
É unha oración, unha imprecación a Deus.
Por último, reproduce o artigo “Irlanda e o Lord-alcalde de Cork”, verquido ao galego, tomado, como indican, “Da revista católica barcelonesa La Hormiga de Oro, que comeza: “Cando se publiquen estas liñas, tal vez a morte terá posto xa fin ó heroico sacrifizo de Mr Mac Swney. O drama na cadea de Briston eiscitou en grande maneira ó pobo irlandés, víctima dende fai séculos do anglicanismo, que non perdoa á verde Eirín o tere permanescido fel a Roma”.
Mais o chamativo do caso do alcalde de Cork non impediu que nese mesmo número de 5 de novembro tamén se incluíse unha sentida lembrnza de Porteiro Garea, polo segundo cabodano. Nun artigo sen asinar suliñábase: “Porteiro foi un loitador rexo e baril a quen pillou a morte -¡mala morte!- no médeo do combate. A bandeira que el erguía tremelante é a mesma que nos axunta a nosoutros. O esprito de Lois Porteiro vive con nosco”.
Relacionado coa morte de MacSwiney e coa loita irlandesa no seu conxunto, está tamén a reprodución uns meses máis tarde, no número de 15 de marzo, do artigo “Cruzada a facer por todol-os nazionalistas do mundo / Cataluña e Irlanda” no que fala do amplo espazo que le dedicara a Revista de Barcelona á “nosa irmá, a céltiga illa dos Santos, a probe Verde Erim, tan rexa, tan valente, tan heroica, tan nobre [...]” e aproveita para manifestar que cantos “nazionalistas hay no mundo, temos a obriga de chamar a todal-as portas pidindo axuda pidindo axuda para a céltica illa, que despois de tanto se falare da libertá dos pobos, inda sofre escravizada unha tráxica persecución horribel”. Recolle, ademais, en catalán e en “tradución libre d’as mesmas na nosa lingoa”, cadanseu poema de J.M. López Picó e Josep Carner, “dous dos máis outos poetas da nova Cataluña” dedicados “â baruda epopeia da illa irmá”.  A tradución do de Carner, “Na morte do héroe”, feita por Antón Villar Ponte di así:
“Sinto pasos e pasos… E adiviño / coma drento d’un silenzo funeral, / antre puños pechados i-ollos foscos / martilleia un timbal. / Que orgulo -baix’o rolar das brétemas, / enfrente dos despoxos do leyal,- / o tere unha bandeira prohibida / para erguela a medio pau!”.
Pero o tema irlandés, á marxe deses feitos dramáticos, tiña presenza doutros xeitos. Así, por entregas, a partir do número de 5 de setembro, foron aparecendo noticias de Irlanda baixo o título de “Historia dos movimentos nacionalistas / Irlanda”. Tamén Cabanillas deu a coñecer, no número de 1 de febreiro de 1921, o seu poema  “¡Irlanda!” e pouco despois, no número de 15 de marzo, vía a luz “Letras irmáns / Irlanda por Eça de Queiroz”, en galego, que ven acompañado dunha “nota da redaición”: “Eça de Queiroz finou xa vai para anos. As suas profecías ctéñense umprido. Irlanda, nosa irmá de Raza, ergéuse. ¡Meditai, galegos!… O sentimento céltigo anda a espertare… ¡Galiza, pode seguir dormindo!...”.
 

Cara á III Asemblea (LIV)

Te puede interesar