O campionato de España Latinos deste ano revoluciona Narón

O campionato de España Latinos deste ano revoluciona Narón
Trofeo de Baile Cidade de Naron

Poucas fins de semana como esta o pavillón de deportes da Gándara acollerá semellante número de participantes e de competicións de baile. Desde o venres ata o domingo haberá cinco probas que implicarán a 1.400 bailaríns. Entre elas destaca a celebración do Campionato de España Latinos 2015, que se celebra por primeira vez en Narón, con 615 parellas (53 son da localidade), cuxas actuacións valorarán 30 xuíces. As probas disputaranse as tardes do sábado e do domingo con participantes entre os cinco e máis dos 60 anos.
Outra competición será o Campionato de España de Danza Coreográfica, que é a novidade desta convocatoria e no que se inscribiron trece equipos de mulleres e se celebrará o venres pola tarde, neste caso no Pazo da Cultura. Tamén estarán as competicións de promoción de categoría. A máis baixa, a Copa, celebrarase o domingo pola mañá, mentres que a Liga, de máis categoría, o fará o sábado e o domingo pola mañá. Finalmente, o XIV Trofeo de Bailes Deportivos Cidade de Narón se disputará o venres e o sábado no pavillón polideportivo da Gándara. Toda esta actividade está organizada polo Padroado de Cultura de Narón xunto coa Federación Española de Baile e o Club de Baile Deportivo Narón e no que colabora a Concellería de Deportes.
O Concello de Narón destina unha partida de 45.000 euros ao evento, a través da Concellería de Cultura, tal e como explicou onte a titular desta área, Marián Ferreiro. A edil naronesa valorou o feito de que se celebre no municipio este campionato estatal e incidiu na aposta do Concello por este tipo de actividades “porque consideramos que a Cultura e o Deporte deben estar tamén sempre na primeira liña da política, neste caso municipal, para apoiar tanto ás persoas que practican actividades relacionadas con estas dúas áreas como ás programacións vencelladas ás mesmas”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Román Romero, anunciou que as entradas para o Campionato de España Latinos 2015 do sábado e o domingo se venderán eses mesmos días a partir das 8.00 horas no pavillón polideportivo da Gándara a un prezo de 10 euros. Os asistentes poderán acollerse a un desconto no caso de mercar as dos dous días, que teñen un prezo de 16 euros.

O campionato de España Latinos deste ano revoluciona Narón

Te puede interesar