Camino Pereiro | “Prometínme que ía poñerme no lugar do alumnado e cambiar o que conmigo non funcionara”

Camino Pereiro | “Prometínme que ía poñerme no lugar do alumnado e cambiar o que conmigo non funcionara”
Camino Pereiro é mestra e directora do CPI Plurilingüe Virxe da Cela

Camino Pereiro González (O Corgo, 1970) é mestra por vocación. Unha profesión na que aterrizou hai dez anos impulsada a mellorar como docente o que a escola non lle deu como alumna. Un compromiso que hoxe a leva a ser a única mestra galega nominada a Mellor Docente de Primaria 2017 nos premios Educa promovidos por Abanca.

Cantos anos leva como docente?
Este é o meu séptimo curso en Monfero. Antes estiven dous anos no Barco de Valdeorras, en Ourense que para min foi unha experiencia inesquecible porque é un cole onde se traballa moi ben e o primeiro ano estiven en Bóveda, na provincia de Lugo.

Por que escolleu esta profesión?
Antes de ser mestra tiven traballos de todo tipo, fixen de todo e mentres estaba nun centro de día para enfermos de Alzheimer, déuseme por preparar as oposicións. Sempre tiven moita vocación de ser mestra e tiven un profesor que me animou a que o intentara e aprobei. Nunca fun unha nena brillante e tiven bastantes dificultades na escola, mesmo algún curso repetín. A escola nunca soubo adaptarse ás necesidades que eu tiña, facíaseme moi aburrido e non foi unha experiencia que me gustase moito. Logo estudei de maior. Cando decidín ser profesora prometínme que non faría o que a min non me gustaba da escola, que ía poñerme no lugar do alumnado e que ía cambiar aquelas cousas que conmigo non funcionaran.

Que é o que lle faltou a súa escola como alumna?
Non motivaba, non se adaptaba ás necesidades, aos sentimentos e aos pensamentos que teñen os máis novos. Faltaba darlle significatividade, partir da realidade propia dos nenos, ter moi presente a educación emocional, os valores, os sentimentos, o apego pola vida, polo mundo, por ser críticos, por poder expresarse, transmitir ilusión por aprender e por vivir, que é o que me parecía que lle faltou á miña etapa escolar. Pero non é algo que sexa persoal, ten que ser un obxectivo de centro e que se viva no ambiente escolar. Unha persoa por si mesma non fai nada. Eu penso que se estou nominada é porque é un traballo de centro e se constrúe a base de colaborar co resto de mestres, alumnado, familias e institucións que traballan con nós.

No CPI Plurilingüe Virxe da Cela os premios non vos son alleos nos últimos tempos, cal é a clave do éxito do proxecto?
Creo que estamos dándolle valor á escola rural. Ten valores identitarios propios, hai tempo, capacidade de esforzo e superación e iso se fai no conxunto da comunidade educativa. Se fai convivindo uns cos outros e resolvendo problemáticas e se fai sempre dende o respeto, o diálogo e a cooperación. É o único que creo que temos diferente ou especial, e tampoco iso porque o que nós facemos o fan moitas escolas e é a dinámica de traballo. Quizáis nós tivemos un pouco máis de sorte na difusión das actuacións ou en estar no momento e no lugar apropiado.

Outra das apostas do centro é a innovación tecnolóxica, é unha obriga para a escola rural?
Sacarlle todo o partido aos recursos tecnolóxicos é unha forma de compensar as desigualdades, tanto a brecha dixital como as desigualdades en función de xénero ou sociais. Contar cuns recursos é que teñamos moito máis cerca a sociedade e a realidde na que nos desenvolvemos. Temos o hándicap de estar en zonas con pouca conectividade que ao mellor non teñen os servizos ou os accesos aos recursos ou a actividades culturais ou sociais, polo que o centro ten que brindar esas posibilidades ao alumnado e de forma indirecta ás familias.

Que supón este recoñecemento?
Para mín é unha responsabilidade porque non sinto que mereza tal recoñecemento. Véxoo máis como un logro de toda a comunidade educativa e non como algo persoal. É froito da colaboración de todos e do quefacer diario do colexio. Tamén supón afianzar a miña ilusión polo traballo do día a día e faime sentirme feliz e orgullosa o feito de que foran as familias as que me nominaran. Acéptoo como algo compartido co profesorado do Virxe da Cela porque é un fóra de serie, implícase e sinte isto como propio Eu sempre digo que a vida non a constrúen as persoas senon que se fan a través das interaccións e relacións cos demais. As persoas non fan o mundo, fano as colectividades.

Camino Pereiro | “Prometínme que ía poñerme no lugar do alumnado e cambiar o que conmigo non funcionara”

Te puede interesar