Burgoa e Llorca reivindican a historia e o valioso patrimonio de Ferrol Vello

Burgoa e Llorca reivindican a historia e o valioso patrimonio de Ferrol Vello
Diario de Ferrol-2015-06-24-015-21bf704b_1

“A idea motora foi a posta en valor de Ferrol Vello, axudar a unha toma de conciencia da importancia do primeiro núcleo de poboación da cidade para axudar a conservalo”. Así fala o historiador Guillermo Llorca acerca de “Homenaxe a Ferrol Vello” (Edicións Embora), un volume que coordina xunto co investigador Juan José Burgoa e que se presenta mañá ás 20.00 horas na sala de Exposicións da Autoridade Portuaria coa presenza do presidente da entidade, José Manuel Vilariño, e do novo alcalde Jorge Suárez.
Entre a nómina de autores que colaboran no traballo figuran o propio Burgoa e Llorca e amplíase a Fernando Dopico, Pilar Blanco, Rosa Méndez, Alberto Moreno-Bermúdez, Juan Antonio Rodríguez-Villasante, Justino Fernández Negral, Eliseo Fernández, Bernardo Máiz, Álvaro Porto Daspena, Alfredo Alcalá, Ana Martín e Jorge Manuel Deza, así como dous ilustradores, Juan José Rodríguez Soto e Julio Ferrín.
Unha ampla nómina de especialistas que peneiran a historia de Ferrol Vello e centran a súa mirada en aspectos como a historia, o patroimonio monumental, as instalacións portuarias, as referencias literarias e históricas, a toponimia, as festas, os locais ou o deporte. Numerosos debuxos, planos e fotografías acompañan a publicación.

mirada multidisciplinar
Acerca de esta mirada ao barrio, Llorca sinala: “Quixemos ofrecer unha mirada multidisciplinar ao barrio, abarcar distintas miradas para abordar todo canto tema nos pareceu de interese. Distintos enfoques pero sempre tratando de facer algo ameno e accesible a todo tipo de lectores”. En canto ao traballo de coordinación con Burgoa, o historiador ferrolán sinala que “foi moi interesante. Nalgúns casos os autores nos enviaban os temas que lles parecían oportuno e noutros fomos nós quen lles encargamos algún asunto específico sobre o barrio”.
Respecto ao que lles gustaría que pasase co libro, en clave da conservación de Ferrol Vello, Guillermo Llorca é claro: “Gustaríanos unha toma de conciencia sobre o valor dun patrimonio abandonado e da necesidade urxente de intervención. Iso é algo que compete a políticos e técnicos, pero que pode facerse, non é unha utopía. Aí están os exemplos de Allariz, Santiago ou Pontevedra, que foron modélicos. Ferrol Vello ten unha historia moi rica desde o medievo ata hoxe e a Administración non pode permitir que todo este patrimonio se perda. Pero a pelota está no seu tellado...”.

Burgoa e Llorca reivindican a historia e o valioso patrimonio de Ferrol Vello

Te puede interesar