O BNG suma respaldos para o tributo ás vítimas da Revolta das Pedradas

O BNG suma respaldos para o tributo ás vítimas da Revolta das Pedradas
Un momento da asemblea que tivo lugar no local social de Sedes d.a.

Diferentes colectivos e organismos teñen amosado o seu respaldo para a recuperación da memoria da Revolta de Sedes, ou máis coñecida como a Revolta das Pedradas da que hoxe se cumpren 99 anos. O BNG de Narón promove a creación dunha comisión organizadora para o centenario deste suceso que rematou coa morte de sete persoas en Narón e outras dúas en Ferrol e que onte tivo a súa primeira asemblea aberta ao público. Unha iniciativa que, desenrolada no local social de Sedes, estivo aberta tanto a particulares como a colectivos. Ademais de representantes do BNG, de asociacións culturais como Xebra ou de entidades da parroquia, desculparon a súa presencia colectivos como Medulio, Fundación Artabria ou o Colectivo Terra de Pontedeume. “Esta foi unha primeira toma de contacto, pero manifestáronnos xa o seu respaldo tanto o Instituto Galego de Historia, como a Revista Galega de Murguía ou a Fundación Alexandre Bóveda”, explicou o responsable local do BNG, Ánxel Rial, que adiantou que o grupo municipal presentará tamén unha moción ao pleno.

No encontro abordouse un borrador dos estatutos que non serán aprobado ata a segunda asemblea que se convocará no vindeiro mes. “Aínda falta moita documentación por recompilar e investigación que facer de cara á celebración do centenario”, indicou Rial.

Así, das nove vítimas das que se ten constancia aínda restan algunhas por identificar. “Sabemos que nestes sucesos morreron sete persoas en Narón, das cales temos identificadas a cinco e a outras dúas vítimas en Ferrol, o neno Juan Torres e o obreiro Valentín Dapena do taller de monturas do Arsenal”, puntualizou. “Precisamos recuperar a información dos acontecementos, as actas dos xuízos dos máis dun centenar de detidos... son episodios dun momento moi convulso e o volume dos feitos é moi grande”, clarificou Rial.

Precisamente ese é un dos obxectivos da creación da comisión, ademais da preparación da homenaxe, e que tería “caducidade” dun ano.

Trala reunión colocouse unha coroa de laureis en memoria das vítimas no monolito ubicado na Feira do Trece. “Un xesto máis para ir creando memoria entre os veciños”.

O BNG suma respaldos para o tributo ás vítimas da Revolta das Pedradas

Te puede interesar