O BNG inclúe de novo a Ramón Fernández en postos de saída e Jorge Suárez vai na lista de Sumar

O BNG inclúe de novo a Ramón Fernández en postos de saída e Jorge Suárez vai na lista de Sumar
Ramón Fernández Alfonzo, nun acto da precampaña das autonómicas de 2020 I DANIEL ALEXANDRE

O Bloque Nacionalista Galego volve contar con Ramón Fernández Alfonzo “Mon” como principal representante de Ferrolterra na candidatura da provincia ao Parlamento galego. Os primeiros lugares apenas varían respecto á lista das eleccións de 2020, coa excepción de Xosé Luis Rivas “Mini”, que deixa o seu escaño –fora de número dous– e pasa ao posto honorífico de pechar a nómina de aspirantes. 


Así, despois de Ana Pontón, Mercedes Queixas e Rosana Pérez figura o ferrolán, que foi dirixente de CIG Industria e parlamentario na pasada lexislatura, e que sobe do número cinco ao catro.


No posto número 9 sitúase Xosé Manuel Golpe, de Cabanas, técnico en enerxías renovables; no 13 vai o biólogo mariño ferrolán Joam Luís Ferreiro Caramés “Cesio”; no 17, Ánxel Rial Otero, de Narón, responsable de oficina técnica e coordinador de proxectos nunha industria da madeira; e no 18 figura a educadora infantil e concelleira en Fene Sandra Permui Meizoso.


Nas anteriores eleccións autonómicas, que se celebraron en xullo de 2020, en plena pandemia e coa Mariña confinada, o BNG conseguiu sete deputados na provincia da Coruña.

 

 

Sumar


As listas de Sumar, a confluencia que encabeza no Estado a ferrolá Yolanda Díaz, contan tamén con representación da comarca, aínda que en posicións afastadas de ter posibilidades de ocupar un escano no Hórreo. A candidata á presidencia, Marta Lois, lidera a lista, seguida polo portavoz, Paulo López. No sete entra o ex alcalde ferrolá e actual portavoz municipal de Ferrol en Común, Jorge Suárez. Cara ao final inclúese tamén a Malay Sobrín e Teresa Vázquez, que formaron  parte da candidatura ás municipais por esta formación. Forman parte ademais desta lista os tamén ferroláns Luis Víctor Ruiz Rodríguez e Quico Permuy.


Na anterior convocatoria electoral para a Xunta estaba representada Ferrolterra a través de Saínza Ruiz, que foi de número catro nunha candidatura encabezada por Antón Gómez-Reino que non obtivo ningunha representación.

 

Suarez votando dani
Jorge Suárez, votando, nas eleccións municipais de maio I DANIEL ALEXANDRE

 

 

Partido Popular


O Partido Popular desvelou ata o de agora os nomes dos seus cabezas de lista en cada provincia. No caso da Coruña encabeza a papeleta Diego Calvo, actual vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes. É oriundo de San Sadurniño.


Nas eleccións de 2020 Calvo foi de número 2, por detrás de Ánxeles Vázquez, e figuraban tamén na lista o actual alcalde de Ferrol e senador, José Manuel Rey (de número catro) e o tamén ferrolán Miguel Tellado, na actualidade portavoz do Partido Popular no Congreso, como número seis. Conseguiu 14 deputados.


Falta por ver, cando se descobran as listas ao completo, quen toma o relevo destas figuras por parte dos populares de Ferrol.

 

 

Partido Socialista


O PSOE foi quen máis madrugou para dar a coñecer a súa candidatura, que na Coruña está liderada pola independente Patricia Iglesias e polo ex rector da UDC Julio Abalde. O primeiro posto que ocupan os socialistas de Ferrolterra é o número cinco, con Montserrat García, das Pontes. A agrupación local de Ferrol sitúa no número oito a Manuel Santiago.


Nos anteriores comicios o PSdG obtivo catro deputados pola provincia, quedando ás portas de entrar o ex concelleiro ferrolán Bruno Díaz, que ía de numero cinco na candidatura. Manuel Santiago figuraba entón de sete, polo que baixa un posto.

O BNG inclúe de novo a Ramón Fernández en postos de saída e Jorge Suárez vai na lista de Sumar

Te puede interesar