A ‘Bibrioteca Galeguista’ (XXXVIII)

A ‘Bibrioteca Galeguista’ (XXXVIII)

Xa quedou dito que no número d’A Nosa Terra de 5 de febreiro de 1919, so o rótulo “A Bibrioteca galeguista”, aparecera este breve texto propagandístico: “Vense imprentando o primeiro volúme da Bibrioteca galeguista que, a ‘Irmandade da Fala’, acordou creare. Axiña poráse a venda”, publicidade na que, ampliada, se insistía no número seguinte: “Vense imprentando o primeiro volume d’ista Bibrioteca que  está chamada a conquerir un bó ésito”. No número de 15 de marzo na primeira plana xa se anunciaba “Gramática Galega / Véndese na nosa Adeministrazón / Prezo 50 céntimos”, ao tempo que en anuncios similares se indicaba “Ademítense pedidos” para a novela de López Abente O Diputado por Veiramar e a “Farsada en dous pasos maxinada por Ramón Cabanillas” A Man de Santiña, propaganda que se repetiría en números sucesivos.
Mais, como viña sendo habitual, sempre aparecía alguén para lle pór un pero ás iniciativas irmandiñas. E axiña lle pasou ao Compendio de Gramática Galega, título real da obra . Así, nas páxinas do diario La Voz de Galicia de 12 de abril de 1919, no artigo “De Gramática Gallega”, F. M., que é como asina o autor -moi posiblemente Fernando Martínez Morás-, manifestaba:
“Nosotros leímos el folleto de R. A. y después de leído y confrontado, creemos que el autor debió haberle puesto por título: Compendio de Gramática Galega de D. Juan Antonio Saco Arce, por R. A. Y aun así no diría toda la verdad. Porque, si es cierto que, de cabeza a rabo, el compendio no es un mal extracto, traducido al gallego, de las palabras y aun de los ejemplos de la obra de Saco Arce, tambien lo es que el señor R. A. ha copiado con tan desdichada suerte, que el plagio resulta doble ofensa para aquel ilustre gramático”.
O comité editorial da “Bibrioteca Galeguista” -composto por Ramón Villar Ponte, Bernardino Varela, Luis Peña Novo e Roberto Blanco Torres- sentiuse na obriga de defender a súa publicación e, inmediatamente, elaborou unha carta, que sería publicarda polo diario coruñés xunto cunha contrarréplica de F. M. Como non podía ser doutra maneira, o comité editorial declarábase sabidor de que os contidos do seu folleto estaban na gramática de Saco Arce -mais tamén en todas as gramáticas- e iso, para eles, non era problema xa que o obxectivo do compendio era a divulgación e non “dictar novas regras”. Argumentaban tamén que, en xeral, as gramáticas escolares españolas copiaban as regras da gramática da Academia, cousa que non se podía facer en galego, porque a Academia Galega aínda non fixera a súa, polo que o autor do folleto estimou oportuno recorrer á de Saco. O comité editor recoñecía imperfeccións -que tamén tiña a gramática da Academia Español, aclaraban- que, así mesmo, xustificaba, en aras de imprimir unha gramática “útil, de divulgación, económica e comprensible”, engadindo que, en todo caso, era mellor contar con algo imperfecto que non ter nada.
F. M. retrucou apuntando, fundamentalmente, que a publicación non ofrecía nada novo: “Nadie pretendió que se inventasen reglas, sino que en 1919 se expusieran originalmente y sin tomarlas de una obra escrita en 1868”.
O 15 de abril vía a luz un novo número d’A Nosa Terra, no que figura o solto “Namentras ladran os cás... / A Gramática Galega”. O boletín nacionalista denuncia a reseña negativa que se lle fixera á gramática nestes termos: “F. M. na Voz de Galicia, facendo o papel d’eses críticos que nin fan nada e censuran canto fan os mais, pol-o que merecen o nome de cás do hortelán, tratou de porlle roparos ó ‘Compendio de Gramática Galega’ que acababan de pubricare as ‘Irmandades da Fala’. Nunha liña semellante á do comité editor da “Bibrioteca Galeguista”, o autor do artigo xustifica a obra dicindo que non quixo ser máis que un “estrauto sinxelo, craro e maxistral da Gramática notabilísima de Saco e Arce” e expón as razóns da súa edición: “Trátase d’unha obriña de vulgarización das regras da nosa língoa, arelada por todol-os galegos. Trátase d’unha obriña, útile e patriótica, ausolutamente percisa. D’unha obriña tan percisa coma o pan n’estes momentos e que non fixo ninguén -¡nin a Academia Galega!- e que tivemos que facela nós cal vimos facendo canto convén á nosa Patria”. Por iso xulga que “A maior louba, a millor gabanza que poido adicare o sabio gris F. M. ó notabre ‘Compendio de Gramática Galega’ foi a de chamarlle copia da de Saco e Arce. Será copia, si, pero unha copia de moito mérito: porque a Gramática de Saco e Arce está agotada, non é manual, non é elemental, e, ademais, tiña un custe superior ós recursos de moitos que aman a língoa nativa e desexan estudala”. E finaliza predicindo que “axiña s’agotará” e “afirmando que “ningunha gramática millor que a nosa se poderá facer nin vender por dous reás”.
Ninguén fixera mención ao responsable das 36 páxinas do Compendio de Gramática Galega, a quen se agachaba tras as siglas R. A., ata que no número de 25 de abril do decenario irmandiño, baixo o epígrafe “A Gramática Galega / Incógnita desfeita”, atopamos esta carta asinada por Leandro Carré Alvarellos:
“Señores Editores do ‘Compendio de Gramática Galega’
Presentes
Meus señores: Despois de ler o artigo pubricado na Voz de Galicia e firmado por F. M., e a resposta que vostedes lle dan, convenme acrara:
1.º Que o ‘Compendio de gramática galega’ está escrito por min, valéndome pra facelo, ademais de algunha práitica que teño na escritura do idioma galego, da ‘Gramática castellana’ que me serviu para estudar sendo neno, na escola; d’unha ‘Gramática das escolas’ (portuguesa) e da ‘Nova ortografia portuguesa’.
2.º Que escribín o ‘Compendido de gramática galega’ sin pretensiós, como o proba o non firmalo co meu nome, por xusgar que era un traballo necesario ou pol-o menos comenente, nestes tempos de rexurdimento galeguista, e
3.º Que o fixen en vista de que ninguén quería botar enriba de sí un traballo tan pouco grato e que, estaba seguro, habería de merecer censura dos eruditos, dos sabios que en todo buscan nada mais que os defeitos, non para correxilos, senon para teren o pracer de chantar os dentes nos homes de boa voluntá que, pese aos detractores, van facendo humildemente, modestamente, unha labor nobre e fecunda.
De vostedes att.º s. s.”.
Como se ve, non fai nin a máis mínima referencia á utilización da Gramática de Saco e Arce, cando  F. M. o acusaba de plaxiala e os membros do comité editorial admitiran saber que fora profusamente utilizada. Tamén resulta curioso que tanto Martínez Morás como Leandro Carré fosen nese momento da aparición do compendio gramatical académicos correspondentes da RAG.
O asunto non deu máis de si , mais o boletín irmandiño deixou de publicitar as obras da “Bibrioteca Galeguista”. Non obstante, aparecería o segundo volume dos anunciados, O diputado por Veiramar, do que se ofrecía o facsimil da portada, obra de Castelao, no número d’A Nosa Terra, de 5 de maio.
 

A ‘Bibrioteca Galeguista’ (XXXVIII)

Te puede interesar