Bernardo Máiz presenta o seu novo libro sobre O Seixo

Bernardo Máiz presenta o  seu novo libro sobre O Seixo
Sociedade Amigos da Paisaxe Galega Presentación libro Maiz

A Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega do Seixo, exemplar entidade fundada entre outros por Felipe Bello Piñeiro, quedou pequena onte para asistir a presentación do libro que fala da historia desta parroquia mugardesa durante dous séculos: “O Seixo. Na outra banda da banda de Ferrol. 1730-1930” (Edicións Embora). O seu autor, o historiador Bernardo Máiz, contou coa colaboración do expresidente da agrupación, Jorge Gómez, e do historiador Guillermo Llorca Freire, que foi o autor tamén do prólogo do volume.
Desde media hora antes de comezar o acto, fóronse proxectando imaxes de lugares, xentes e actividades da vila, algunhas incluídas no libro e outras non. Máiz lembrou que a xénese deste traballo, –“que era unha débeda coa miña patria pequena”, asegurou–  fora nun acto polas Letras Galegas que se celebrara precisamente na Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega, e no que el falara non de literatura senón da súa propia vila. O éxito entre os seus paisanos foi tal que aquel estímulo levouno a traballar na historia que onte se presentou xa en forma de libro. 
O caracter clave de paso marítimo a Ferrol, a arquitectura, os oficios, as asociacións, e unha idiosincrasia consciente dun carácter propio, foron algúns dos temas incluídos no volume aos que tanto Máiz como Gómez e Llorca fixeron mención. Un traballo que non será o último do seu autor sobre O Seixo.

Bernardo Máiz presenta o seu novo libro sobre O Seixo

Te puede interesar