Aturuxo de Melpómene roda a súa segunda curtametraxe coa vista na crise e nos maiores

Aturuxo de Melpómene roda a súa segunda curtametraxe coa vista na crise e nos maiores
Imaxe da gravación da curtametraxe, onte pola mañá, nas rúas das Pontes l.p.

Unha parella de xubilados sostén cos seus ingresos á súa filla e ó seu xenro, ambos parados de longa duración, e ós dous netos. Pero o ancián morre e pérdese así a súa pensión, que era a principal fonte de ingresos da familia. Esta historia, que ben podería ser a dun veciño ou a de un mesmo nos tempos que corren, é o arranque de “De baixa”, a curtametraxe que está a rodar en distintas localizacións de Ferrolterra a asociación O Aturuxo de Melpómene. É a segunda achega audiovisual que fai a entidade, formada por ex alumnos da Escola de Actores e Actrices de Narón, e centrada sobre todo no teatro. Juanín Ares dirixe e tamén é o guionista desta aventura cinematográfica, como xa o fixera coa anterior, “A rampla”, que tiña tamén unha importante compoñente social.
“Gústanos ese tipo de cine”, comenta Ares, “creo que é importante que se vexa o que sucede”. E ademais de chamar a atención sobre a agónica situación económica de moitas familias, subliña o papel dos pensionistas. “Agora basicamente están aguantando de dúas ou de tres patas do que chamamos estado do benestar ou estado sen máis. Cando din que axudan, significa que en realidade terman de todo”, apunta.
O equipo da rodaxe está formado case na súa totalidade por membros da asociación, agás o máis técnico (cámara, son e montaxe), para o que contratan profesionais. O elenco protagonízano Antonio Estévez e Yolanda Lozano, que interpretan á parella de xubilados, mentres que Paula Morado e Alberto Suárez son o matrimonio que está no paro. Este reparto principal salpícase con aparicións de actores que interpretan ós veciños.
A rodaxe comezou o xoves e a intención de Aturuxo é a de rematar mañá, aínda que as condicións meteorolóxicas e cuestións técnicas que xorden sobre a marcha fixeron variar esta planificación, así que é posible que se fixen novas datas.
Unha casa do poboado de Endesa das Pontes, a residencia Mi Casa de Canido, e distintas localizacións exteriores nestes lugares e tamén nun semáforo en Narón son os lugares nos que nos últimos días se puido atopar a esta “troupe”. O obxectivo é rematar todo o traballo antes do 31 de decembro, “para despois facer un evento dentro da asociación e que, antes que ningúen, o vexan eles”, explica Juanín Ares. “Despois tentaremos movelo para que se proxecte no maior número posible de sitios”.
O Aturuxo de Melpómene é unha asociación teatral fundada por exalumnos da Escola de Actores e de Actrices de Narón. Cada ano montan funcións que escollen os propios socios a partir de proxectos presentados por eles mesmos. Ademais, do seu seo naceron distintas iniciativas, como Carrachanacacha (que na actualidade actúa con “Cipriano de Bequelar”) ou, máis recentemente, Devanceiro Teatro, que se estreou con “Preguntas sobre o meu pai”. Colaboran coas iniciativas escénicas do Concello de Narón e tamén organizan cursos de formación.

Aturuxo de Melpómene roda a súa segunda curtametraxe coa vista na crise e nos maiores

Te puede interesar