A Asociación Berros do Castro celebra o sábado as VIII Xornadas de Cultura Popular Galega

A Asociación Berros do Castro celebra o sábado as VIII Xornadas de Cultura Popular Galega
A asociación Berros de Castro é a organizadora da xornada que terá lugar o sábado

En outubro de 2009, a Asociación Folclórica e Cultural Berros do Castro organizaba as primeiras Xornadas de Cultura Popular Galega coa finalidade de “promocionar, dinamizar e pór en valor” este patrimonio.
O éxito das mesmas animou á entidade a continuar cun programa que este sábado chegará á súa oitava edición, na Casa da Cultura de San Sadurniño, baixo o título “De cores, ferreñas e música” e cunha estrutura similar ás anteriores, incluíndo unha exposición, un obradoiro e concertos musicais.
A mostra, denominada “Bota o pano para fóra” recolle unha selección de panos e mantóns antigos da colección de Alberto Golpe que pretende amosar a riqueza e as peculiaridades da forma tradicional de vestir de Galicia, así como “expór as variantes e as peculiaridades que o traxe experimenta na sociedade galega ao longo da súa historia”, tal e como adiantan os organizadores. Golpe recibiu varios premios en concursos de indumentaria e desfiles de traxe galego. A mostra poderase ver durante todo o día.
A vertente formativa e didáctica estará tamén presente coa celebración dun obradoiro de música sobre “Técnicas de acompañamento con pandeireta”, impartido por Suso Vaamonde, profesor de Música Tradicional do Igaem e músico colaborador do Centro Coreográfico Galego e membro fundador dunha das propostas lúdico-musicais máis innovadoras do panorama actual musical galego, o trío Vaamonde, Lamas & Romero.
A actividade, que rematará as seis da tarde, incluirá entre os seus contidos a morfoloxía e manipulación do instrumento, as funcións da pandeireta, o estilo actual e os recursos para acompañar un instrumento melódico.
O curso desenvolverase con todas as prazas dispoñibles cubertas. De feito, tal e como se informou, ao pouco de anunciar a programación deste ano, Berros do Castro recibiu ducias de solicitudes.

concertos
O propio Suso Baamonde será o encargado de abrir o apartado de concertos musicais a partir das 20.00 horas, cunha actuación no que estará acompañado cos seus alumnos.
Seguiralle no escenario o grupo Lilaina, un grupo de pandereteiras pertencentes á Asociación Cultural O’Castro, na localidade de Miño.
Desde o ano 2009 leva a cabo un traballo de investigación folclórica por toda a comunidade galega, co obxecto de recoller distintos bailes, músicas e vestiario.
O peche da xornada correrá a cargo de Os Campantes da Baña, que chegarán a San Sadurniño coa súa charanga interpretando melodías e ritmos recollidos por toda a comunidade: pezas tradicionais como muiñeiras e xotas e ritmos importados que se incorporaron á tradición como pasodobles, valses ou rumbas.
Tanto a visita á exposición como a asistencia aos concertos son totalmente gratuítos. Os que desexen ter máis información sobre a xornada poden contactar coa asociación Berros do Castro a través do seu facebook, no correo electrónico berrosdocastro@gmail.com ou chamando aos teléfonos 626 140 798 ou 669 795 418.

A Asociación Berros do Castro celebra o sábado as VIII Xornadas de Cultura Popular Galega

Te puede interesar