Arredor de medio cento de vehículos clásicos circularán o sábado pola cidade ferrolá

Arredor de medio cento de vehículos clásicos circularán o sábado pola cidade ferrolá

Se a pasada fin de semana foron as vespas e as bicicletas clásicas as que se deixaron ver pola cidade con motivo dos encontros organizados pola Asociación Golfos Ártabros Escúter Club e polo grupo Ferrol Old Bikes, respectivamente, este sábado o protagonismo recaerá nos coches antigos.
A Sección de Clásicos da Escudería Ferrol organiza unha nova edición, a quinta, da concentración que, un ano máis, reunirá a arredor de cincuenta vehículos. A meirande parte serán de afeccionados da comarca, se ben como nas anteriores edicións achegaranse tamén desde outros puntos de Galicia, como Ourense ou a Mariña lucense.
O evento permitirá aos cidadáns contemplar unha ampla variedade de coches antigos que non se ven a cotío circulando polas estradas. Aínda que xa con 25 anos de vida son cosiderados históricos, desde a organización intentan que os turismos participantes superen a trintena. Ademais dos máis típicos como o “Escarabajo”, o mini, o 600 ou o 127, poderán verse outros como o citroen Tiburón ou o C-11.
Ruta
O programa da 5ª Concentración de Coches Clásicos Cidade de Ferrol dará comezo ás 10.00 horas coa recepción dos participantes na Malata. Desde alí emprenderán camiño, ás 11.00, cara ao barrio da Magdalena, con aparcamento na rúa Real. Logo iniciarase unha ruta que levará aos turismos polas prais de Doniños, Covas e San Xurxo, onde xantarán no Costa Verde. A última parada terá lugar na parroquia de Esmelle, que precisamente o sábado celebra unha nova edición da Festa da Malla, que pola noite incluirá ademais unha nova edición do festival de rock. l

Arredor de medio cento de vehículos clásicos circularán o sábado pola cidade ferrolá

Te puede interesar