Aparecen novos documentos que ilustran os primeiros anos de vida do Real Coro Toxos e Froles

Aparecen novos documentos que ilustran os primeiros anos de vida do Real Coro Toxos e Froles
Real Coro Toxos e Frores presentación de documentación antiga Vanesa Cebreiro

Os pormenores da gravación do seu primeiro disco de 1922, homenaxes a Perfecto Feijóo e Manuel Lourenzo, cartas con intelectuais da época, xestións para un monumento a Concepción Arenal ou traballo de funcionamento interno son algunhas das claves que se tiran de case un cento de documentos datados entre 1915 e 1934 que o Concello de Ferrol vén de poñer nas mans do Real Coro Toxos e Froles verbo da súa historia. Unha traxectoria de case 100 anos, que fará en 2015, e que vén de ser enriquecida con esta doazón anónima.
Segundo o arquiveiro do Toxos, Fernando Dopico, “os documentos son de dúas naturezas, por unha banda material co funcionamento interno da entidade neses primeiros tempos, sobre equipamento, inventario, cartas, etc., e por outra banda, sobre a vida artística da entidade”.

fondos
Entre os documentos que se encontran agora no arquivo do Toxos figuran “xoias” como unha carta do director do diario rexionalista O Tío Marcos da Portela, editado en Ourense en 1917 polas Irmandades da Fala, felicitando ao Real Coro, así como abundante información sobre as homenaxes feitas a Perfecto Feijóo en Pontevedra, ao fundador do Toxos, Manuel Lorenzo Barja, en 1926 con testemuños de Sofía Casanova, Basilio Álvarez ou o marqués de Amboage, así como o folleto dun monumento a Concepción Arenal que estaba a impulsar o Toxos en 1934. “Unha serie de nomes que demostran como a intelectualidade galega da época, desde as Irmandades a Vilar Ponte, aprezaban e apoiaban o traballo que para Galicia se estaba facendo desde Ferrol”, salienta Dopico.  
Outra das alfaias do legado é a abundante información, ata agora inédita, sobre a gravación do primeiro disco do Toxos e Froles aparecido no ano 1922.
Desde o Real Coro, o seu presidente, Arturo Lamas, agradecía a cesión do legado por parte do Concello e aventuraba a posibilidade de que a documentación partise da familia do prestixioso cantante e corista nedense José Area Carregado, un dos fundadores da entidade en 1915 e figura fundamental na vida dos primeiros anos da agrupación.
En canto ao destino destes fondos históricos, a documentación pasará a formar parte dos fondos que se amosarán (ben cun libro, ben cunha exposición), o próximo ano durante o centenario do coro. Así mesmo, desde a entidade adiántase que se está a tratar de dixitalizar nun futuro próximo todo o material do Toxos, novo e vello, pedido xa por moitos investigadores, para a súa consulta desde a páxina web do Real Coro.

Aparecen novos documentos que ilustran os primeiros anos de vida do Real Coro Toxos e Froles

Te puede interesar