Ao primeiro Día de Galicia (LI)

Ao primeiro Día de Galicia (LI)
Portada da obra de Risco, “Teoría do nacionalismo galego”, na súa edición de 1920

Xa vimos como a chegada de Peña Novo á corporación coruñesa non foi nin moito menos doada. Un exemplo máis, e bastante clarificador, creo, poden ser estas palabras de Domingo Quiroga Ríos (tiradas do seu libriño de 1932 ¿Quien es y adonde va Santiago Casares):


“En 1918 palideció la estrella del jefe republicano. El movimiento regionalista logró resonancia. Eran sus jefes Porteiro Garea, Luis Peña Novo, Antonio Villar Ponte y otros periodistas, abogados, intelectuales, selección de lo entonces más joven y valioso en Galicia. Casares Quiroga, sorprendido por el autonomismo, guardó prudente reserva, para ser después su enemigo en la sombra y su simpatizante a la luz pública. Autonomista, si conviene. El ministro de la Gobernación no acierta respecto de esta doctrina política, con otro procedimiento.


Unos amigos que en tertulia rodeaban al señor Casares, le enteraron de que el más peligroso de los regionalistas, el señor Peña Novo, se había instalado en La Coruña. El bravo prohombre hizo con la boca un guiño agrio y aconsejó exacta y crudamente:
—¡Leña con ese, que viene al cajón del pan!”.


Por se iso fose pouca cousa, no seo das Irmandades xa comezaran a facerse visibles certas discordancias que facían máis complicado o avance nacionalista. Reparemos nun exemplo. A finais do mes de maio tivo lugar en Madrid a celebración da Semana Gallega, na que Castelao acadaría un notable éxito, cunha conferencia e, sobre todo, cunha exposición. Mais algunhas das cousas que alí se viran non agradaron aos nacionalistas irmandiños, cando menos aos coruñeses. Así, no “Cadro mouro”, aparecido na primeira plana do número d’A Nosa Terra de 15 de xuño, podemos ler: “Na Vila podre, fixose inha isidrada galega, presidida por Figueroa, Goicoechea, Soto Reguera, Usera, Bugallal...


‘Galicia eres bonita, y eso te basta”. Ao parecer, Losada Diéguez tivera algo que ver co asunto e a Irmandade envioulle unha carta manifestándolle o seu malestar e este respondeulle a Viqueira, que, como xa vimos, acababa de ser elixido Conselleiro 1º:
“Xa o supoño enterado de toda a cuestión surxida pol-a exposición Castelao en Madrí. Non quero volver sobre d’ele, pero a min feríume fondamente que unha carta escrita particularmente ô Vilar Ponte fose levada â Irmandade da Cruña sin miña licencia, e doeume ben a incomprensibre y-argalleira carta que a Irmandade me mandara; tampouco penso volver sobre d’ela”.


Tamén Risco lle escribiu a Viqueira, poñéndose da parte de Losada. Dille, por exemplo, que “Antón Vilar díceme que elí causou un efeuto terríbel, sobre todo no grupo dos vinte, os arredistas” e, aínda que fala da amizade e simpatía que sente por eles, acúsaos de quereren impor os seus criterios a todas as Irmandades. Para Risco feitos como eses poderían acabar mal polo que lle pregunta: “Cree vostede que un feito que non siñifica violación de programa nin de doutrina, deba dar orixe a unha escisión no seo das Irmandades?... Pois polo camiño que leva, ameaza producila”. Consecuentemente, prégalle: “poña man neste asunto; vexamos todos o xeito de restablecela concordia, a unidade de pensamento, a confianza, a cordialidade, entre tódolos hirmans”.
Curiosamente, un arredista dese grupo dos 20, Francisco Abelaira, publicou neses días de polémica o artigo “Saude e Patria” (A Nosa Terra, 25 de xullo), artigo que louvou abertamente Blanco Torres -un home próximo a Risco- nas liñas da súa sección “Arteriscos” de 20 de agosto:


“Ocupar todol-os postos de combate. Recadar todal-as armas. Xunt-ôs homes de ideas, convéñenos estes homes de loita, de aución, de ataque. […] Eu énchome de ledicia pensando que nas nosas filas pode xurdir un Venillot, un Rochefort ou siquera un Vargas Vila. Un libelista é unha cousa indecente cando non ten após dél o fogo d-un ideal. Nós necesitamos panfletos”.
O que anunciaba Risco aínda non tiña visos dese converter en realidade, mais as diversencias de formulación política a cada paso se facían máis evidentes.


No mes de maio, poucos días antes da polémica con Losada, vira a luz a Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco, que viña ser o primeiro texto con carácter ideolóxico do nacionalismo.
A sección “Follas Novas”, d’A Nosa Terra de 25 de maio, daba breve noticia da publicación da obra: “Cando xa iba sair â lus este número do boletín recibimos na ‘Irmandade’ o libriño do noso querido irmán Vicente Risco ‘Teoría do nazonalismo galego’.
Hoxe non podemos falar nós d’el por non ter espacio; tódol-os galegos deben lér este libriño, onde se define de xeito xenial o noso santo movimento.


Véndese na’Irmandade’ da Cruña a cinco reás”.
Quen le esta nova agarda que no número seguinte se lle dedique ese espazo máis amplo que a relevancia do feito merecería. Mais a realidade non é esa. No número de 15 de xuño só atopamos o solto “Teoría do nazonalismo galego por Vicente Risco” no que se di:
“Achase â venda nas principaes librerías da nosa Terra, e tamé na admenistrazón d’este boletín, tan notabre e lumioso libro.
Com’os adxetivos van xa caindo no mòr descreto, folga qu’eiqui poñamos ningun. Dicindo que Vicente Risco pubricou un libro, fica xa dito que ten a cultura galeguista unha nova obra fermosísima e suxeridora, que ninguén que queira ilustrarse, haberá de non mercare.
Pra falar con coñecemento de causa do nacionalismo galego, é perciso ter lido enantes o libriño de Risco. Custa cinco reás. I-está moi ben imprentado. Honora os talleres onde foi composto.


Do que val aquele, proba crara terá de ser o feito de que, sin reclamo de ningún xeito, axiña esgotaráse a edición.
Como a biblia ou o evanxelio do galeguismo consideramos nós a obra recén saída do qurido irmán Vicente Risco.


Ficaredes sen ella si non’a mercades de contado. Da Hespaña enteira e das Américas e Portugal demandan exemprares.”
O xornal nacionalista insertaba tamén un recadro de publicidade da obra. Haberá varias lecturas desa “reseña”. En calquera caso, o que resulta evidente é que a Teoría de Risco supuña unha proposta persoal radicalmente diferente das coruñesas.


Nesa coxuntura achegábase o 25 de xullo, data que a IIª Asemblea, celebrada o ano anterior en Santiago, para instaurar o Día de Galicia. Como non podía ser doutra maneira, A Nosa Terra vai dedicar o seu número dese día á efeméride. O primeiro de todo facendo fincapé no feito da chegada ao concello coruñés de Peña Novo que supuxera o regreso ao mundo oficial “da lingua patria”, cuestión esta, da que non se fixeron eco os xornais e nin sequera as actas municipais. Na propia sesión do 7 de xullo na que tomou posesión do cárrego, Peña Novo fixo unha intervención, tal como recollen a acta e a prensa, mais por ningures atopamos referencia a que se tivese feito en galego, como así realmente foi. O número abríase co artigo editorial “Alborada”;


“A Nosa Terra, cumprindo un acordo da II Asamblea Nazonalista de Compostela, i-obedecendo ordes do Direitorio, do que é orgo oficial, oxe festexa chea de ledicia e reloucadora.o Dá de Galicia. Esta data do 25 de Santiago, en todol-os logares do mundo onde latexa un peito galego, é data de lembranza da Patria natural que dende antigo, como agora e sempre, ha ser a única patria verdadeira verdadeira do home”.


Xunto a el, atopamos artigos de diferentes voces nacionalistas: Vázquez Enríquez, Víctor Casas, Viqueira, Risco, Abelaira ou Villar Ponte, así como poemas de Rosalía, Curros, Pondal, Lamas Carvajal, Taibo, Ribalta ou Noriega Varela.

Ao primeiro Día de Galicia (LI)

Te puede interesar