Antón Cortizas: “A natureza é como un gran comercio, a gran xoguetería”

Antón Cortizas: “A natureza é como  un gran comercio, a gran xoguetería”
antón cortizas

Antón Cortizas publica un libro no que traballou durante máis dunha década, unha recompilación de xoguetes e enxeños tradicionais que se poden facer a man e que forman un volume extraordinario, de máis dun milleiro de páxinas, case outras tantas entradas e 2.500 fotografías. “Tastarabás” –título que fai referencia ó nome que reciben as carracas en Cedeira– pódese encargar xa a Xerais, editorial que puxo en marcha unha campaña previa á súa chegada ás librerías, a mediados de abril, cun importante desconto respecto do que será o seu prezo final.

“Despois de publicar ‘Chirlosmirlos. Enciclopedia de xogos populares’, en 2001, comecei con este traballo. Xa nese libro indico que falta un capítulo e púxenme con el. É unha especie de catálogo coa intención de que o que fun argallando, de recollas e memoria, non quede esquecido”, explica Cortizas, na actualidade profesor de 1º e 2º de ESO no IES de Canido.

O seu interese polo xogo tradicional vén desde que era mozo. “Xa na adolescencia comecei a escribir sobre os xogos dos que eu me lembraba, dos enredos que fabricabamos no barrio de Canido nos anos 60 ou por aí. Esa foi a orixe de ‘Chirlosmirlos’ e tamén dun programa de radio que fixen en Radio Fene durante máis de dous anos”. A memoria foi o punto de partida pero para lograr reunir máis de 900 entradas sobre todo tipo de artefactos que se poden facer precisou tamén de axuda. “Grazas ós meus libros de literatura infantil fun a moitos centros para encontros con autores e aproveitei para poñerme en contacto con profesores e recoller información por aquí e por alá. Tamén traballei con bibliografía, de feito o libro inclúe moitas referencias de bibliografía galega e tamén foránea, xa que que grazas a internet temos cantidade de bibliotecas ás que acodir. Atopei libros divulgativos desde o século XVIII e XIX ata a actualidade, de varios países. O xogo é universal, en todos lados xogamos ó mesmo, máis ou menos cos mesmos enredos”, asegura.

Cortizas viu a necesidade de recompilar toda esta cultura lúdica “que está perdida”, explica. “Hoxe esa habilidade coas mans non se ten. Rompeuse a transmisión. Hoxe os cativos non saben destes enxeños porque o mundo é diferente, enredan con outras cousas”. Pese a iso, certifica coa súa experiencia a través de Brinquedia, a rede galega do xogo tradicional, que “cando ós nenos se lles dan estes coñecementos, non lles disgutan. Nos centros nos que se promove o xoguete tradicional, pásano moi ben”.

a habilidade coas mans hoxe non se ten. Rompeuse a transmisión e os cativos xogan con outras cousas

Así que este volume pode ser unha boa ferramenta para pais ou docentes interesados en que esta tradición non se perda. “A min paréceme algo extraordinario que se publique, que non quede na escuridade. É moi agradable que poida saír á luz e que haxa xente que está agardando por el”.

Porque, fronte á abundancia na que medran hoxe os rapaces –“hai un exceso de mercantilismo, é unha pena cando un neno abre corenta paquetes por Nadal”–, o aproveitamento dos recursos que hai ó redor para xogar e facer xoguetes “é unha actividade libre e gratuíta, que desenvolve a imaxinación de forma extraordinaria”, explica Antón Cortizas.

A natureza ten aquí un papel moi importante. De feito, un dos apartados da obra está dedicada a brinquedos coa natureza (do mundo animal e do mundo vexetal). Para ilustralos, o autor incluso tivo que agardar á época do ano na que florecían certo tipo de prantas ou recabar a axuda de compañeiros porque non era quen de atopar as especies que precisaba. “Tastarabás” subtitúlase “Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza”. “A natureza é como un gran comercio, a grande xoguetería”, apunta.

A obra que verá a luz en abril está prologada por Guy Jaouen, presidente da Federación Europea do Xogo Tradicional; Paco Veiga, investigador do patrimonio lúdico galego; Pere Lavega, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación especializado nos xogos populares; e a asociación galega Brinquedia. Ademais, conta con múltiples referencias literarias e etnográficas, xa que Cortizas introduce fragmentos de poemas, textos dramáticos ou narracións de autores galegos nos que aparecen citados xogos como a billarda ou enredos como o asubío. Trátase dunha forma máis de completar un traballo sempre inacabado e susceptible de aumentarse con máis información pero que, xa como está, resulta clave para a infancia.

 

Antón Cortizas: “A natureza é como un gran comercio, a gran xoguetería”

Te puede interesar