Andaravía recupera o seu ciclo de teatro breve coa peza “A Escena”, de Luis Vivanco

Andaravía recupera o seu ciclo de teatro breve coa peza  “A Escena”, de Luis Vivanco
cartel desta peza interpretada por luisa veira e luis vivanco

A escena alternativa volve ter acomodo en Ferrol dentro do colectivo sociocultural Andaravía (Sol, 111). Así, tralo éxito da primeira edición do seu ciclo de teatro breve, chega a segunda coa denominación de “Teatro Compacto”.

A iniciativa, desenvolvida en moitas salas de Galicia e fóra, consiste en escenificar unha obra, de quince ou vinte minutos, ao longo de varios pases. Así, esta segunda edición do programa de Andaravía ábrese coa peza “A Escena”, escrita, dirixida e interpretada por Luis Vivanco, acompañado en escena pola popular intérprete Luisa Veira. O argumento céntrase nunha actriz que tras padecer unha dura perda persoal vive un proceso traumático xusto antes dunha estrea. Ante ela está un pobre asistente de produción que ten que soportala, buscando a forma e as estratexias para reconducir á “gran” diva e que actúe concentrada.

O primeiro dos cinco pases celebrarase ás 20.00 horas, seguindo ás 20.30, 21.00, 21.30 e 22.00 horas. O prezo da entrada é de tres euros. O ciclo de teatro breve continuará desenvolvéndose durante tódolos sábados do mes de febreiro e o primeiro de marzo, seguindo co ciclo de primavera, que se celebrará durante o mes de abril, e o de verán, que terá lugar durante o mes de xullo.

As actividades teatrais do colectivo Andaravía continuarán así celebrándose ao longo das próximas catro semanas con pezas nas que participarán actores e actrices de Ferrol, con nomes da escena local como os de Sabela Rojo Amado, Cristina Moreira, Helga Méndez ou Cristina Mariño, entre outras.

 

Andaravía recupera o seu ciclo de teatro breve coa peza “A Escena”, de Luis Vivanco

Te puede interesar