Os amigos, primeiro

Os amigos, primeiro
Unha imaxe para a lembranza

Ou “Les copains d´abord”, que é unha canción de Georges Brassens que nos aprendera unha catedrática de francés que pasara polo Instituto.
Chamábase Vicenta, inevitablemente valenciana, pois, e non souben máis dela senón algunha triste nova, polo demais xamais confirmada; quen ma dera morreu hai poucos anos en circunstancia tráxica, o seu nome tanto ten (todo é mundo). E este, “Les copains d´abord”, non sendo o noso himno ben poidera. ¡Quen poidera! ”¡Quen poidera namorala, meu amigo!”, poderíamos nós tamén cantar con Cunqueitro-Batallán, este último igualmente amigo de vello.
Mais a cousa é que os seis da foto facemos por nos xuntar dúas veces ao ano nunha desas casas de comida (termo moito máis nobre que restorán, ¡onde vai parar!) que dan lustre e renome a Ferrol: Casa Rivera, en Galiano. Alí, supervisados por Paco e atendidos por unha das mozas máis xeitosas da bisbarra, María, hoxe un pouco menos alebrastada, cun aquel melacónico que a fai máis fermosa, somos máis nós, máis nosos aínda, cada ano.
Eu non sei canto valemos este grupo de seis (desta volta faltounos Paco Bernabéu, que adoita acompañarnos; ás veces temos convidados de honor, Arturo, por exemplo, gran capitán que fora do Racing, polo que todos nós –lástima fora!– torcemos). Non o sei, pero sospeito que a forza que nos empurra, que nos leva a nos unir, vale ouro ou –cando menos– prata vella.
Un deles foi alcalde de Ferrol. Alcalde comprometido coa cidade. Un nachiño tan pouco dado a disparar con pólvora do rei que me convidara daquela xantar un par de veces, en Casa Rivera, pagando cada un do seu peto. E lembro a Xaime Bello, del falo, lástima fora, interrompindo o xantar para interesarse por se unha dona da táboa veciña levara vacinarse o seu canciño.
Xaime, xeneroso fotógrafo, sempre disposto á instantánea, a captar os intres dunha vidiña que aínda é tan nosa como partillar estes momentos amicais.
A Pepe Criado dicímoslle Pepito, cariño puro a quen cultiva as rosas (bravas no noso caso, cal os xazmíns da adolescencia) da amizade. Pepe segue na directiva do Racing, ese amor futboleiro que tanto nos motiva, e de cativo apuntaba moi boas maneiras, caneando como un anxo caído máis que na terra, no cespede (no pasto, de “Cholo” Simeone ou de Pablo Neruda “y el verso cae al alma como al pasto el rocío”). Precisamente. Porque nos nosos convivios falamos de libros e de fútbol e –¿dubidábao alguén?– de mulleres, ese sentir –ás veces dorido, como en Garcilaso– por elas, que alumearon as nosas rosas bravas e seguen a facelo cos nosos crisantemos murchos.
No centro, abacial, con sorriso e maneiras pousonas de abade cisterciense Chisco Embora (disimulen pola metonimia, Rodríguez está ben pero prefiro Embora), dinamizador de culturas, editor, tertuliano, asesor e, sobre todo, namorado. Namorado da súa dona, Merce, con que comparte horas e labores. Non nesta tertulia, sen dúbida, pero é que a nosa ten un aquel de “txoko” transplantado á Rúa Galiano, por onde entraban viaxeiros (e saberes) ao noso Ferroliño, de quen todos somos parciais e cultivadores.
Aínda que dous nacéramos en Xuvia-Neda, a un pasiño o un do outro. Eu mesmo e Luis Eduardo Torres Foira, “Rino”, vicedecano dos meus amigos, con quen manteño unha amizade fraternal, que me levara adicarlle o meu libro Xuvia revisitada por mor dunha crcunstancia, para mín pouco doada, na que levara adiante o seu rol de avogado especialista en medicina sicosomática, e ben sei o que me digo, que leguleios hai moitos, mais que saiban de leis e de estados anímicos, poucos, e que naceran onde ti, menos aínda. O nacho da “pajilla” (que ese día mudou de testa ao menos unha vez, agora que repaso as fotos) é o decano dos meus amigos.
Xosé María Dobarro, tamén coñecido como “Moro” ou “Morito”, e todo un resistente. Un nacho que ten as sete vidas do gato e vostede que as vexan. “Morito”, desde que reformou ou aposentou volveu ao seu Ferrol natal (el é –orixinalmente– da parte de Ferrol Vello) na compaña de Isabel Seoane, docente en Mugardos, e viven en Cabalo Branco (ou Caballo Blanco), nome certamente curioso (que lembra algunha das películas mexicanas dos Irmáns Aguilar que adoitaban poñer no Callao , onde o bo de “Moro” era o rei, de bastos).
Isto último cadra pouco co sentimento republicano de meu amigo, pero eu estou falando doutra cousa agora, relativa como ben lembra Pepe Criado a quen pasaba por ser un dos rapaces máis “bonitos” naqueles anos nos que a Rúa Real era o paseo oficial, o “tontódromo” como se dicía daquela a este xeito de rúas, das que rara era a cidade que non tivese un, e os “guateques” (hoxe, festas) no Patio, no Parque, no Bambú Club (nós dicíamos Bambu, así, sen til) lugar de encontros e desencontros con música pop de fondo.
A mellor, a que oferecese máis posibilidades para un combate corpo a corpo, e é que como dicía non sei quen o baile era expresión vertical dun desexo horizontal. Algo así. Esa caste de baile expresouna moi ben Sergio Dalma, con Bailar pegados, unha das últimas (talvez a máis potable) cancións enviadas por España a Eurovisión.
Nós bailábamos outras cousas, Sergio Dalma sería un cativo daquela, Adamo, Mina. Gianni Morandi, Los Brincos ou Gino Paoli. Seguro que Georges Brassens non era bailable. Mais eu agora, logo de tantos anos que segue viva, poño como fondo sonoro, ou como himno, esta canción que fala deses amigos de vello que ao se atopar de novo ollan como os bandullos medraron, e baten –con suavidade- nos dos outros: “Sur le ventre ils se tapaient fort/ Les copains d´abord”. Por exemplo. n

Os amigos, primeiro

Te puede interesar