Alumnos dos IES Leixa e Canido e do colexio Compañía de María, na fase zonal do Club de Debate

Alumnos dos IES Leixa e Canido e do colexio Compañía de María, na fase zonal do Club de Debate
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-a3223a0d

Ferrol volverá estar presente un ano máis no Club de Debate xunto a outros oito concellos galegos: Ames, Carballo, Negreira, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A competición, impulsada polos servizos de normalización lingüística destes municipios, dividirase en tres fases de zona con nove equipos cada unha.
Por parte da cidade naval tomarán parte estudantes de entre 4º da ESO e 1º de Bacharelato dos IES Leixa e Canido e do colexio Compañía de María, que irán acompañados dos seus profesores-preparadores –Victoria Mosquera, Carme Cuesta e Lidia Rolón, respectivamente–.
Os tres desprazaranse o vindeiro mércores 15 ao Pazo da Cultura de Carballo para disputar unha proba na que se medirán aos participantes de Oleiros, Teo e Carballo e que xirará arredor do tema “Os deberes escolares son convenientes para a educación”, sobre o que terán que levar preparadas tanto a posición a favor como en contra xa que será no mesmo momento da cita cando coñezan a posición que lles toca defender a cada un en cada intervención.
De cada debate, o xurado composto por lingüistas, xornalistas, docentes e comunicadores emitirá unha puntuación coa que se conformará a clasificación final e cuxos dous primeiros equipos recibirán como agasallo material cultural por valor de 500 e 300 euros respectivamente, ademais de se clasificaren para a final galega, a celebrar o 6 de maio no Centro Social de Santa Marta, en Santiago de Compostela.
O premio final do equipo gañador será unha viaxe multiaventura dunha fin de semana na que terán ocasión, entre outras cousas, de achegarse ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais.
De feito, o tema sobre o que debaterán na final levará por título “O futuro da lingua está na mocidade”. Máis de 200 rapaces participarán nesta nova edición do Club de Debate entre as tres fases. Esta será ademais a primeira vez que os equipos da comarca de Ferrolterra afronten a fase zonal fóra da casa, xa que en anos anteriores esta tivo lugar en Ferrol e en Narón. n

Alumnos dos IES Leixa e Canido e do colexio Compañía de María, na fase zonal do Club de Debate

Te puede interesar