Alumnas do IES de Mugardos gañan un importante premio nacional de estatística

Alumnas do IES de Mugardos gañan un importante premio nacional de estatística
Marta Pérez, Sara Vázquez, Cintia Pérez, Inés Díaz e a mestra Covadonga Rodríguez-Moldes, no peirao local

Os días 29 e 30 de xuño tivo lugar en Badajoz a fase estatal do VI Concurso da Incubadora de Sondaxes e Experimentos, organizado pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO). Á cidade pacense concorreron 12 grupos de investigación, os galardoados nas respectivas fases autonómicas, e obtivo o primeiro premio o grupo do IES de Mugardos, que acudía en representación dos centros de Galicia, na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio. O centro xa obtivera algunha mención en fases estatais anteriores, mais esta foi a primeira vez que acadou o máximo galardón. Non así, na fase autonómica onde se proclamou vencedor en máis dunha ocasión, en diferentes categorías da ESO ou Bacharelato, con moi interesantes e diversos traballos sobre o tamaño ideal das ameixas, as condutas de risco dos estudantes ou un estudo hedónico sobre o pan.
O grupo investigador mugardés, formado polas alumnas de 2º BAC Marta Pérez Rey, Sara Vázquez Rumbo, Cintia Pérez Cordero e Inés Díaz Rodríguez -hoxe coas probas de acceso á Universidade xa superadas-, titorizadas pola profesora Covadonga Rodríguez-Moldes, realizou a investigación que titularon “Mens sana in corpore sano?”.
Dada a relevancia do premio, este Diario considerou manter unha conversa coas estudantes autoras do traballo e coa profesora que se encargou de dirixilo. Así, a semana pasada, nunha fermosa mañá deste auténtico e marabilloso tempo de verán do que estamos a gozar, reunímonos con elas nunha terraza do peirao da real vila.
Segundo nos manifestaron as rapazas, a idea xurdiu para aproveitar os datos que se tiñan recollido para outorgar o Premio Estudo-Deporte, galardón que, desde hai uns anos, concede o IES de Mugardos a estudantes do centro que destacan ao mesmo tempo nos ámbitos académico, deportivo e convivencial. “Era unha maneira de elevalos a outra dimensión”. “Tamén unha forma de investigar se era certa, ou non, esa idea tan estendida na sociedade de que se se dedica un tempo ao deporte non se rende igual nos estudos”. “As conclusións foron contrarias a isto”.
A profesora Rodríguez-Moldes acláranos que para ese premio de cada estudante se obteñen oito valoracións diferentes, do profesorado e dos clubs nos que practican os diferentes deportes, datos que entendían que pagaba a pena analizar comparándoos con datos do estudantado que non practica deporte.
No traballo premiado chegaron á conclusión de que, en xeral, o alumnado que realiza deporte ten mellor rendemento escolar -a nota media das cualificacións é superior-, e é maior a probabilidade de aprobar. Da investigación tamén se conclúe que a práctica do deporte facilita a adquisición de valores e que o número de horas empregado no mesmo non inflúe negativamente na nota media.
A catedrática de matemáticas pensa que na obtención do primeiro premio o que máis debeu pesar foi a consistencia estatística do traballo, pola cantidade de datos manexados. Tamén opina que a exposición do traballo por parte de todas as integrantes do grupo –algo que non existe na fase autonómica– tivo moita importancia na valoración final. Asegura, con lóxica fachenda, que “as rapazas fixeron unha exposición enormemente seria, profesional, que calou pola consistencia. Nin estaban nerviosas, nin cometeron erro ningún. Tiñan moi interiorizada a investigación”.
As gañadoras recibiron como premio 500 euros e a satisfacción de ver publicado o traballo. Antes, na fase autonómica, xa conseguiran unha tablet cada unha.
Preguntadas acerca de se pagaba a pena participar, contestaron afirmativamente. Aínda que lles supuxera moito esforzo compaxinar a investigación co traballo do último curso de bacharelato, compensárano co aprendido, coas viaxes e co ben que o pasaron.
Covadonga Rodríguez-Moldes apunta que levan unha idea clara de como se traballa en estatística, usando técnicas que, posiblemente, lles serán de utilidade no futuro, cousa que ratifica a alumna Sara Vázquez –participante neste mesmo concurso hai catros anos, na categoría de 1º e 2º ESO–: “Levamos á práctica o que aprendemos na clase; xusto tratamos temas e fórmulas que estabamos vendo na aula o que, realmente, foi un beneficio para nós”. As compañeiras asenten.
Manifestan, tamén, que descubriron que a estatística e o que se pode demostrar a partir dela é importante para moitos ámbitos da vida.

Alumnas do IES de Mugardos gañan un importante premio nacional de estatística

Te puede interesar