Alumnado de Primaria de Ferrol vólvese gardián do Camiño de Santiago cun reto tecnolóxico

Participaron na iniciativa arredor de 250 estudantes de quinto e sexto de Primaria de catro centros de ensino
Alumnado de Primaria de Ferrol vólvese gardián do Camiño de Santiago cun reto tecnolóxico
A coordinadora, Elena Arce, con parte do estudantado que se puxo a proba no pavillón de Esteiro | JORGE MEIS

Entre o Campus Industrial de Ferrol e o pavillón de Esteiro, preto de 250 estudantes de 5º e 6º de Primaria participaron onte na iniciativa “O Camiño de Santiago con Tecnoloxía”, que se enmarca no proxecto “Polos en Marcha”. Dentro desta proposta, o alumnado tivo que reconstruír a máxica Ponte das Estrelas, a través duns revolucionarios bolígrafos 3D, entre outras actividades como un obradoiro sobre materiais eco-adsorbentes.


Elena Arce, profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol –EPEF– lidera o proxecto “Polos Marcha”, que financia integramente a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología –Fecyt–, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación. A coordinadora sinala a utilidade deste encontro, no que o estudantado puido “comprender mellor as fases dun proxecto tecnolóxico e a importancia de seguir as instrucións detalladas para acadar un obxectivo común”. Do mesmo xeito, os pequenos practicaron outras competencias como o traballo en equipo, a creatividade ou o pensamento crítico.


Os participantes na actividade aliáronse co Mestre do Bastón, un dos protectores do Camiño de Santiago, para tratar de reconstruír a Ponte das Estrelas, unha estructura que estaría localizada nun punto indeterminado da ruta ao seu paso pola comarca. Dentro do reto, este paso imaxinario desapareceu, impedindo que os peregrinos e peregrinas cruzasen o río para continuar o percorrido. Esta proba desenvolveuse no pavillón de Esteiro, onde o alumnado demostrou a súa creatividade e enxeño, ademais dos seus coñecementos en deseño e impresión 3D que, unha vez superado, convirteunos en gardiáns do Camiño.


Para levar a termo os seus obxectivos, os participantes utilizaron unha das maiores innovacións da industria manufactureira, que tamén resulta atractivo para outros sectores como certos artistas: os bolígrafos 3D, neste caso con filamento PLA, que é ecolóxico e non tóxico. Estes dispositivos, que ademais teñen a vantaxe da portabilidade, permiten crear obxectos tridimensionais mediante a elaboración dun debuxo no aire. Os centros de ensino que formaron parte son o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, o Colexio de Belén, o Cristo Rey e o Tirso de Molina.


Os nenos e nenas dividíronse en pequenos grupos para facer fronte aos desafíos. No caso dos estudantes de 6º curso, estes debían deseñar e construír un total de 28 pontes, que, individualmente, tiñan que soportar o peso dun boneco peregrino elaborado con impresión 3D. Da mesma maneira, o alumnado de tivo que realizar unha proba diferente: a montaxe dun crebacabezas con forma de cubo, tamén feito con esa mesma técnica de fabricación aditiva.


Máis actividades

A iniciativa “O Camiño de Santiago con Tecnoloxía” tamén incluíu o desenvolvemento dun obradoiro sobre materiais eco-adsorbentes, baseados en esferas de alxinato de calcio, no que os participantes realizaron unha serie de experimentos sinxelos para comprender como a química e a enxeñaría poden axudar a coidar o medio ambiente. Ademais, o programa tamén incluíu a visita a distintas instalacións de docencia e investigación do Campus Industrial de Ferrol, como a Canle de Ensaios Hidrodinámicos, situada no Citeni, ou o Laboratorio de Mecánica, no Edificio de Talleres, entre moitos outros.

Alumnado de Primaria de Ferrol vólvese gardián do Camiño de Santiago cun reto tecnolóxico

Te puede interesar