“A estas alturas e nesta cidade non entendo como hai tanta desigualdade entre os xitanos e os paios”

“A estas alturas e nesta cidade non entendo como hai tanta desigualdade entre os xitanos e os paios”
Entrevista a la concejala Teresa Riveira

María Teresa Riveira, traballadora de Correos (emprego que deixará temporalmente porque será unha das edís con dedicación exclusiva), forma parte de Ferrol en Común e asumirá responsabilidades nas áreas de Benestar Social e en Urbanismo.

Como chega ata o Concello?  
Chego ata aquí por enfado comigo mesma. Levo unha tempada cabreada porque as cousas non funcionan e a forma que me parece a min de que funcionen é que a xente se poña a andar. E iso foi o que fixen eu, poñerme a andar. Temos que empezar, a xente da rúa temos que esixirlle ás institucións que deben mirar por nós, que é para iso para o que están. Aceptei o reto por iso.

Que prioridades ten Ferrol en emigración? Que precisa este colectivo?
Gústanos máis a palabra movilidade humana que emigración.

E como se chama a concellería?
Emigración, chámase así. Ó chegar a un sitio diferente, cunha cultura diferente, é importante que haxa unha persoa que lles poida informar de como se teñen que empadroar, de que pasos teñen que dar, como acceden á educación, á sanidade...

Plantéxase entón crear unha oficina para atendelos?
Si, unha oficina de atención á inmigración, cun técnico que lles poida dar un asesoramento. Paréceme moi importante.

Impulsarase a Casa da Xuventude?
Para empezar teño que mirar que ese edificio abra en horarios que se correspondan cos dos máis novos porque non ten sentido que estea aberta por semana en horario de mañá e tarde e, na fin de semana, pechada. Hai intención de facer alí actividades, de ver que inquedanzas teñen os rapaces. A min encantaríanme espazos nos que convivan todas as xeracións porque tanto dos nenos máis pequenos como dos maiores eu aprendo moitísimas cousas.

A xuventude é un sector da poboación cun paro disparado e con xente que nin estuda nin traballa.
Hai que mirar pola formación e pola integración de todos eses rapaces que non teñen estudos... É que se están indo todos desta cidade. Se os novos se van isto acabou, non ten futuro. Hai que mellorar a lacra do abandono escolar. É que eu non vexo forma de desligar nada da educación, tanto dos rapaces como dos maiores, pero non só a educación regrada senón en igualdade, en integración...

Créase unha delegación dedicada ás minorías étnicas. Por que?
A minoría étnica máis abundante en Ferrol é o colectivo xitano. Eu creo que a estas alturas e nesta cidade non sei como hai semellante desigualdade entre os xitanos e os paios. Non se pode vivir de costas a esta realidade. Son xente que está nunhas condicións que haberá que mirar de mellorarlas como parte da sociedade ferrolá que son. Eu teño a eiva de que non son de etnia xitana e non teño todo ese acervo cultural que eles levan consigo, pero respéctoos como a calquera persoa. Para min o máis importante é facer que as familias se integren, se involucren creo que é mellor palabra, na educación. E por suposto nesta concellería caben tódalas demais minorías étnicas, que tamén están moi relacionadas con Emigración.

Outra novidade é Benestar Animal. Por que se necesita na cidade esta concellería?
Eu creo que é importante que saibamos que os animais e as persoas convivimos e temos que aprender a convivir sen molestarnos. Tamén hai que educar ós nenos no respecto á natureza e no respecto ós animais e que iso conleva unha responsabilidade. Por iso creo que é necesaria a concellería, para ter control sobre os animais, que non haxa maltrato... Se ti tes unha mascota o habitual é que a coides pero en Ferrol vemos tamén ós cabaliños que andan por aí desa maneira... para iso estamos.

O que non hai en Ferrol é praza de touros...
Non son nada partidaria das corridas de touros e tampouco me parece que formen parte da cultura de Ferrol nin de Galicia en xeral.

Hai unha polémica normativa, do mandato anterior, sobre os animais de compañía, que se vai facer con ela?
Derogala xa.

Para facer outra?
Si, si. Hai que regular porque  ademais paréceme que é unha forma de que a xente se faga responsable e o Concello tamén, poñendo lugares para que poidan os animais disfrutar e estar libres.

Vaise habilitar para iso algunha praia durante o verán?
Si, seguramente Ponzos. En Ferrol hai praias suficientes como para que poidamos encontrar unha cun espazo que se lle poida dedicar ós cans. No verán, porque eu creo que en inverno se a xente é responsable os cans poderían xogar en todas partes... salvo que por algún motivo poidan facer algún estropicio particular.

Tamén nos parques? Porque unha das queixas das asociacións animalistas é que a normativa non os deixaba pisar céspede.
É que a normativa ía incluso en contra do seu instinto, porque non podían nin ouriñar nas árbores. Seguimos falando de responsabilidade. Hai horas ou tempos en que nos parques non habería problemas en que os cans se deran unha carreiriña ou dúas. Obviamente se fan deposicións en lugares de tránsito hai que recollelas.

Podería haber sancións?
Primeiro empezamos pola información e a educación antes das sancións. Un animal de compañía conleva unhas responsabilidades que hai que asumir.

“A estas alturas e nesta cidade non entendo como hai tanta desigualdade entre os xitanos e os paios”

Te puede interesar