“Aires da terra: o legado de Feijóo” recupera o primeiro coro galego, un modelo histórico

“Aires da terra: o legado de Feijóo” recupera o primeiro coro galego, un modelo histórico
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-c2cc89a7

Mañá ás 20.30 horas o lar do Real Coro Toxos e Froles  regresa máis de 130 anos atrás na historia da música galega moderna grazas a un proxecto peculiar. Así, a entidade acolle o espectáculo “Aires da Terra: o legado de Feijóo”, posto en marcha desde a agrupación folclórica Cantigas e Agarimos. Trátase dunha recreación do primeiro coro galego fundado polo visionario boticario Perfecto Feijoo na cidade de Pontevedra no ano 1883 e que estivo activo ata decembro do ano 1914.
A relevancia histórica deste proxecto vén dada porque o coro serviu de modelo para as demais formacións que como unha fervenza cultural agromaron en Galicia a principios do século XX. Precisamente entre eles figura como decano o Real Coro “Toxos e Froles” de Ferrol, nun ano singular na que a esgrevia formación local cumpre os seus primeiros 100 anos de traballo ininterrumpido a prol da música e da cultura galega.

instrumentos iguais
“Aires da Terra: o legado de Feijoo” reinterpreta as pezas gravadas polo coro pontevedrés no ano 1904 e para iso empregan unha réplica da gaita de Feijoo que se atopa no Museo de Pontevedra e que é tocada coa dixitación e ornamentación deixada nos seus apuntes polo propio Perfecto Feijoo.
A formación que se presenta mañá en Ferrol está composta por Suso Vaamonde (gaita e voz), Xosé Lois Romero (tambor, pandeiro e voz), José Manuel Acha (bombo e voz), Xan Herrera, José Luis Garaboa, Xoán Porto, Paulo Chouza Noal e César Tarela Pérez (voces).
No espectáculo, que dura por volta de 50 minutos, intercalaranse nas presentacións dos temas comentarios escritos de Feijóo, para documentar o espectáculo e amosar, dende un punto de vista didáctico, a concepción que tiña o seu creador do que debería ser un coro na Galicia de 1901.

“Aires da terra: o legado de Feijóo” recupera o primeiro coro galego, un modelo histórico

Te puede interesar