Lino Braxe regresa á actividade teatral con Espello Cóncavo e a obra “Romano”

Lino Braxe regresa á actividade teatral con Espello Cóncavo e a obra “Romano”
A compañía, nunha imaxe promocional da peza de Braxe

O poeta, actor e dramaturgo mugardés Lino Braxe regresa á actividade teatral despois do desgrazado accidente que en febreiro do pasado ano o levou a mancarse nunha perna logo de caer ao foxo do Pazo da Cultura de Narón. Tras unha lenta recuperación, Braxe retomou a pluma a escribiu a obra “Romano”, que a compañía Espello Cóncavo estreou a pasada fin de semana no teatro Rosalía de Castro da Coruña. A propósito do acto conmenta o autor: “Estamos moi satisfeitos, tanto polo público que veu como polo texto en si. A nivel persoal é unha peza na que conto o que quería contar”.
O propio Braxe recoñece que “Romano” é unha obra autobiográfica. “Completamente. Son eu, cambiando a actualidade pola época clásica romana, pero quixen facer unha autobiografía e falar de temas persoais”. Sobre o nome da obra, o mugardés destaca:  “Púxenllo así porque eu me sinto romano. Alí tratáronme moi ben as veces que fun actuar. Cunha xenerosidade e cariño que non sempre atopei aquí”.
A obra que representa Espello Cóncavo, e que protagonizan os veteranos Miguel Pernas e Xosé Vilarelle e a nova Manuela Varela, seguirá o seu percorrido polo festival de teatro clásico de Lugo, Sada e Gondomar. Di Lino Braxe: “Este semestre trataremos de foguearnos e na segunda parte do ano agardamos ter máis actuacións, cando a obra estea máis rodada. Nese tempo gustaríame visitar Ferrol con ela”, comenta o autor, que continúa recuperándose das feridas sufridas na súa perna esquerda.

Lino Braxe regresa á actividade teatral con Espello Cóncavo e a obra “Romano”

Te puede interesar