Máis dunha trintena de propostas nas festas do Carme e da Fraga das Pontes

Máis dunha trintena de propostas nas festas do Carme e da Fraga das Pontes
Imaxe correspondente á edición do pasado ano na Festa da Fraga, con milleiros de asistentes | EMILIO CORTIZAS

O mes de xullo é sinónimo de festa nas Pontes de García Rodríguez. As celebracións do Carme e da Fraga encherán un ano máis a vila de música e diversión. Desta volta, segundo se informou desde o Concello, as propostas a desenvolver durante doce días, desde o 14 ata o 25, superarán a trintena. Xa uns días antes, o 12, terá lugar a inauguración da exposición de fotografías de creación colectiva de fotógrafos e fotógrafas ponteses e do Grupo Poético Alalá, “Unha foto un poema”, que estará instalada, ata o 30 de xullo, no valado do colexio Santa María.


A continuación, ás 20.30 horas, diante da Casa Consistorial, a Rondalla Vila das Pontes ofrecerá un concerto xunto co alumnado do Conservatorio de Música Profesional da vila. A apertura oficial do programa de festas terá lugar o venres 14, ás 20.30 horas, coa lectura do pregón, de novo diante do Concello, a cargo da Asociación Amigos da Madeira das Pontes. A mítica formación española Los Secretos encargarase a continuación –22.00 horas no Canal IV– de ofrecer o primeiros dos concertos que esa mesma noite continuarán, xa na Praza do Carme, coa Orquesta Marbella e o Grupo Assia.


Procesión nocturna

O sábado 15, Canavella e No Cómbaro abrirán o día cun pasarrúas; a Banda Cultural e Recreativa das Pontes actuará no parque municipal –ás 12.00 horas en ambos casos–; e o grupo Trasnos na Praza do Carme –13.30 horas–. Pola tarde (20.30 horas) celebrarase a novena e misa na honra a Virxe do Carme e ás 21.30 horas a procesión nocturna á Igrexa de Santa María, con acompañamento musical e espectáculo piro-musical. Ás 23.00 horas regresará a verbena á Praza do Carme coas orquestras París de Noia e Capitol. Ao seu remate, procederase á elaboración da alfombra floral.


O domingo 16 de xullo haberá de novo pasarrúas, eucaristía e procesión de subida da Virxe do Carme, para realizar a ofrenda floral. A orquestra Magos, na sesión vermú, e La Misión e Los Coleguitas, pola noite, pecharán a xornada. A música do mediodía do luns 17 correrá a cargo do Trío Jaque e pola tarde, desde as 20.00 horas, o público poderá gozar dunha nova edición do Festival Folclórico Internacional. Satélites e Olympus marcarán o ritmo da verbena nocturna.


Novidade

Este ano, ademais, como novidade, o Concello das Pontes pon en marcha a iniciativa “Noites do Carme”, con catro espectáculos a desenvolver entre os días 18 e 22 de xullo na praza que leva este nome. O primeiro deles contará coa presenza do recoñecido músico Serafín Zubiri e a Banda do  Conservatorio de Música Profesional das Pontes, para achegar o espectáculo “Recordando a Nino Bravo”.


O mércores será a quenda para o I Festival de Acordeóns das Pontes, coa presenza de Os Lóstregos (A Estrada) acompañados por Carlota Rozados, Albino Bustelo e Marietta e no que tamén participará o grupo de acordeóns da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes. Seguiralle o xoves o espectáculo musical “Camiñantes e cantantes” da Orquestra Ocaband, no que farán un percorrido pola música galega seguindo as rutas do Camiño de Santiago. O venres actuará a Banda Recreativa e Cultural Vila das Pontes e a Escola Municipal de Gaita, que ofrecerán un concerto conxunto; e xa o sábado, 22 de xullo, a veciñanza poderá gozar coa música rock da man de Galifunk Brass, Vereda, Tregua e Turbo Kraks. 

 

PARQUE ACTIVO E CINE

Pensando tamén nos máis pequenos e pequenas da vila, a Biblioteca Municipal Rivera Rouco do municipio de As Pontes sairá á rúa coa iniciativa Parque Activo coa que ofrecerá, de sábado a mércores, de 11.30 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas, unha proposta de ocio alternativo para os menores que se queiran achegar ata os xardíns do Parque Municipal. Entre as propostas formuladas para estes, inclúese o protagonizado por Paco Nogueiras “C@nto contigo” (15 de xullo), “Peque Disco” de Moc Moc (16 de xullo), “O Show de Fifo”, de Troula Animación (18 de xullo); “Bolboreta de A feira das linguas” (19 de xullo). Todos serán a las 18.30 horas en el Parque Municipal. 

 

Outra das alternativas de lecer que durante os días de festa terá á súa disposición o público pontés, neste caso especialmente o infantil, será o cine ao aire libre. Así, os días 19 e 20, ás 22.00 horas, proxectaranse no patio do colexio Santa María, os filmes “Valentina” e “Space Jam 2”. O primeiro deles, gañador do Goya en 2022 na categoría de animación, constitúe á opera prima como directora da productora ferrolá Chelo Loureiro.

 

FESTA DA FRAGA

As Pontes chegará á recta final da celebración, como é habitual, coa Festa da Fraga, dous días de intensa actividade musical coa carballeira como escenario principal. Alí comezarán a animar o ambiente, a partir das doce horas do luns 24, os grupos tradicionais No Cómbaro e Os Trevillas, para a partir das 19.30 botar a andar o Festival Folk.  Este contará desta volta coas actuacións de Nimbos, Caamaño & Ameixeiras, Xosé Lois Romero & Aliboria, Lamatumbá e A Quinquillada

 

Ao día seguinte, a romaría da Fraga dará comezo ás 13.00 horase coa misa do Santiago Apóstolo, na Capela do Carme, para ás 13.30 horas continuar a actividade na propia carballeira coa sesión vermú amenizada por Louband. Durante a tarde, a partir das 18.00 horas, actuarán os grupos Batukada Latexo e Brassica Rapa. A xornada rematará coa actuación do Grupo Origen, a partir das 22.00 horas. A cita reúne cada ano a milleiros de persoas nesta zona do municipio. 

Máis dunha trintena de propostas nas festas do Carme e da Fraga das Pontes

Te puede interesar