A inviabilidade dos acordos e a ruptura (LXXII)

A inviabilidade dos acordos e a ruptura (LXXII)
Diario de Ferrol-2017-11-19-015-d080dd0d-p

Remataba a entrega anterior indicando que, finalmente, os rogos feitos aos irmandiños betanceiros para que se incorporasen á ING acabaron por surtir efecto, como acredita a seguinte copia dun escrito-oficio -datado o 11 de abril de 1922- remitido “Ô Conselleiro Supremo da Irmandade Nazonalista. Ourense”:
“A Irmandade da Fala de Betanzos en xunta tida no día de hoxe acordóu notificarlle que acata as decisiós da IV Asambreia Nazonalista celebrada derradeiramente en Monforte -si ben algunhas d’elas pida que perxudiquen a ista Delegación dado o ambente en que desenvólvese- tendo en conta que foron acordados pol-a maoría dos representantes das entidades nazonalistas da Terra pois non queremos sermos causa de discordia e ademáis si a nosa opinión e considerada xusta xa chegará a hora de modificar aquelas.
O que poño no seu conocemento pra os consiguentes efeutos.
Gardeo Deus ms ans”.
Por non ser o orixinal o escrito non está asinado.
É posible que o Conselleiro Supremo seguise un camiño semellante ao que acabamos de ver se fixo con Betanzos para tentar de incorporar á nova organización outras irmandades que non tiveran representantes na Asemblea monfortina, mais o feito é que a Irmandade coruñesa, a máis numerosa e a máis activa, continuou cos seus ritmos como se a IV Asemblea non tivera lugar. Estatutariamente correspondíalle realizar a renovación dos cargos e así o fixo en xunta xeral celebrada o día 2 de abril de 1922 na súa sede da praza de María Pita.
Fronte á nula información aparecida nas páxinas da prensa desta asemblea irmandiña consérvase interesante documentación procedente do arquivo do Goberno Civil, documentación que tan acertadamente manexou o amigo Luís Lamela hai xa dúas décadas.
Existen dous informes policiais que conteñen os nomes e algúns datos referidos aos membros da directiva elixida o 2 de abril. O informe mecanografado -”Pasado fichero”, segundo nota da marxe inferior- di o seguinte:

Irmandades da Fala
Directiva nombrada el 3 de abril de 1922
Presidente: V. Viqueira, Juan, d/ en Plaza de Pontevedra, 17.
VICE: Bernardino Varela Docampo, d/ Avda. Marina,20
Secretario: Carlos Monasterio Valeiro, d/ Estcha. S. Andrés 4
Vice: Luis Somoza Gutiérrez, d/ Fuente Seoane, 3.
Contador: Benito Ferreiro Pardo, d/ en Orzán, 49 -3º
Tesorero: Ramón Moscoso, d/ en Franja, 20
Bibliotecario: Leandro Carré Alvarellos, d/ S. Roque, 6.
Vocal 1º: Luis Peña Novo, d/ Barrera, 16.
“ 2º : Gumersindo Pereira Nouche, d/ S. Andrés 94-3º.
“ 3º : Juan Estrada, d/ Amargura, 4-3º.
“ 4º : Julio Fariña Salgado, d/ Damas, 13,
“ 5º : Manuel Lemus García, d/ Progreso 13”.

O informe manuscrito en realidade son unhas notas manuscritas do “Consejo directivo o Junta directiva 2 Abril 1922” contidas nun anaco de papel que, en esencia, coinciden coas do informe mecanografado. Non obstante hai algunhas diferenzas que chaman a atención ou, cando menos, resultan curiosas. Tal así que no borrador os nomes dos membros da directiva aparezan en galego: Xoan V. Viqueira, Xoan Estrada, Xulio Fariña, Manoel Lemus; ou que o nome de Viqueira, en vez de ir acompañado polo enderezo, leve unha anotación de ben pouco gusto: “Catedrático, cojo y cor [non lexible]”; ou que nas notas manuscritas aparezan tamén os nomes do “Adeministrador de ‘A Nosa Terra’”, Víctor Casas (Amargura), e do “Conserge”, Jesús Basteiro Fino (Sant Mª 22-2º), que non figuran no informe mecanografado.
Mais, sen dúbida, o máis interesante é un informe escrito a máquina que o funcionario policial Ricardo López lle dirixíu ao Comisario xefe da policía dándolle conta da reunión -que, por certo, non fora notificada-, da asistencia, dos temas tratados e da directiva elixida. Ten rexistro de 3 de abril de 1922 e leva a anotación “Se dio cuenta al S.r Gobernador” e di textualmente:
Señor Comisario Jefe: Tengo el honor de participarle que la “Irmandade da Fala”, asociación política e instructiva de carácter regionalista, celebró la reunión ó junta general ordinaria, en su domicilio social, Plaza de María Pita, nº 17-bajo, bajo la presidencia del comerciante Don Francisco M. Balboa, dando principio à las 11’30 horas, según se indicaba en la convocatoria que hoy publicaba la prensa local; ya que no se ha recibido comunicación dando cuenta al Sr. Gobernador de que se proyectaba dicho acto; habiendo asistido unos 50 señores.
Trataron del estado de cuentas y otros asuntos de régimen interior de la misma, leyéndose la memoria sobre la gestión realizada por la directiva que ahora cesa, durante el año que termina y seguidamente se dió lectura a las actas de la asamblea que las “Irmandades” han celebrado en Monforte, para dar a conocer à los asociados todo lo ocurrido en la misma.
Se procedió al nombramiento de la nueva Junta Directiva siendo elegidos:...”.
Recolle os mesmo nomes, cos seus cargos e enderezos, que figuran no anteriormente citado informe policial mecanografado.
O documento finaliza anotando que “Terminó el Acto a las 13’15 horas” e leva a data “La Coruña 2 de Abril 1922”.
É mágoa que o policía non fixese indicación ningunha do que se dixo sobre o acontecido na IV -Asemblea.

A inviabilidade dos acordos e a ruptura (LXXII)

Te puede interesar