Fran Rei actúa en Naraío e Bucanero leva “De película” a Igrexafeita

O magosto e Samaín nas parroquias de San Sadurniño ten un marcado carácter teatral. Ata Naraío vai hoxe Fran Rei para representar, ás 18.30 horas, a obra “A historia de Brancaflor”. Trátase do primeiro espectáculo para unha soa persoa de Os Sete Magníficos Máis Un e, ademais, a súa estrea como contacontos.
Non será, porén, a única proposta lúdica en Naraío, xa que a asociación veciñal O Castelo propón actividades desde as cinco da tarde, hora á que están chamados os nenos para participar no concurso de caveiras, coas que despois sairán a percorrer a parroquia nunha procesión nocturna que acompañarán os gaiteiros da escola de música tradicional. Sairá do local da Veiga en torno ás 19.30 horas. No eido gastronómico, comerán castañas, papas e tamén sopa de melón. Ademais prepararán queimada para quentar o corpo despois do paseo, rifarán un caixón sorpresa e bailarán toda a noite coa repichoca á que se invita ós músicos que desexen participar.

cine
A compañía Bucanero desprázase ata Igrexafeita ás dez da noite para representar alí “De película”, unha obra que aproveita a estética e os tópicos do cine para, a través de catro filmes, poñernos ante o espello das nosas propias accións e de cales son as súas orixes. Marián Rei, Xosé Bonome e Pedro Picos protagonizan esta historia, dirixida a maiores de doce anos e pola que transitan filmes como “Pulp Fiction”, “Psicose” ou “Instinto Básico”. E sempre pasadas polo humor e a retranca de Bucanero.
Tamén en Igrexafeita terán un apartado gastronómico, xa que a asociación veciñal invita a comer castañas e outros produtos típicos desta época do ano.
As actividades teatrais desta tarde-noite forman parte do programa de descentralización cultural que se leva adiante desde o Concello de San Sadurniño, en colaboración coas asociacións veciñais. As actuacións son de balde. n

Fran Rei actúa en Naraío e Bucanero leva “De película” a Igrexafeita

Te puede interesar